10 de abril e 18 de maio, festivos locais de Ames 2023

325

O Pleno ordinario de agosto, celebrado o pasado 8 de setembro, aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2023. Os festivos locais do vindeiro ano serán o luns de Pascua (10 de abril) e mailo día da Ascensión (18 de maio).

Conta Xeral 2021

O punto que máis debate xerou no pleno ordinario de agosto foi a aprobación da Conta Xeral de 2021, que finalmente foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal. A Conta Xeral do 2021 xunto co ditame da Comisión Especial de Contas foi exposta ao público por un prazo de 15 días hábiles durante os cales se puideron presentar reclamacións, reparos ou observacións. Agora, unha vez foi aprobada polo Pleno, deberá presentarse ante o Consello de Contas.

Cómpre lembrar que o pasado 27 de xullo celebrouse a convocatoria extraordinaria da Comisión informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas cun único punto na orde do día que era o “Exame e informe da Conta Xeral 2021”. En dita comisión ditaminouse favorablemente a Conta Xeral 2021. O Concello de Ames pechou o exercicio 2021 cun resultado orzamentario axustado de 1.750.000 euros e un remanente de tesourería de 9.366.000 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 27.039.000 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 3.245.000 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 28.355.000 euros. 

Sobre este asunto a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “durante o exercicio 2021 o Concello de Ames recuperou a estabilidade orzamentaria, cumpriu o nivel de débeda viva e acadou un remanente de tesouraría de 9.366.000 euros”. Ademais, salientou que “se incrementaron os gastos de persoal, os gastos correntes de bens e servizos e mailas transferencias correntes. Ao mesmo tempo descenderon os gastos financeiros”. Quixo destacar tamén que “durante o exercicio 2021 alcanzouse un nivel de execución moi alto. Aínda así non se puido executar todo o que nós quixéramos, pero consideramos que foi un éxito por todos os atrancos que houbo na canle de subministro de material. Agardamos que este ano se poidan executar proxectos importantes que xa están adxudicados ou en fase de licitación”.  

O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, destacou que “os investimento reais descenderon con respecto ao ano 2020 e que se incrementou o período de pago a provedores chegando a triplicarse. Malia a que descenderon o número de reparos respecto ao ano anterior esta segue a ser unha constante neste mandato o que pon de manifesto o escaso interese do Goberno municipal por cumprir a lei de contratos do sector público” Destacou ademais que “o Concello de Ames posúe un alto remanente de tesourería e que dita contía poderíase empregar no beneficio dos veciños e veciñas ou para poder facer unha rebaixa fiscal”.  

O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo dixo que “a Conta Xeral é unha foto da xestión feita polo Goberno municipal durante o exercicio 2021 e que confirma que o Concello ten un endebedamento baixo e un nivel de autonomía alto o que unha boa nova. Temos un remanente de tesourería moi alto, pero reduciuse a taxa de investimentos o que se traduce en que a cantidade de gasto realizada é moi baixa. Gustaríame que as cousas se fixeran doutro xeito e que se redobraran esforzos no que atinxe ás políticas sociais. As persoas menos favorecidas levamos vivindo unha crise permanente polo que é necesario facer un esforzo en políticas sociais de cara ao futuro”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, recalcou que “non consideramos que sexa facer unha boa xestión ter un remanente de tesourería de algo máis de 9 millóns de euros. Tampouco é facer unha boa xestión ter asfixiados aos veciños e veciñas de Ames coa política fiscal que temos na actualidade. O Concello está recadando un 18% máis na actualidade que ao comezo do actual mandato o que nos parece bochornoso, xa que se recada máis pero eses ingresos non se invisten na veciñanza. Temos que catalogar a acción do Goberno municipal de total desgoberno e improvisación, que se manifesta no gran numero de reparos existentes e no abuso de adxudicacións directas a través de contratos menores”.