102.815 euros para mellorar a eficiencia enerxética na iluminación pública da zona residencial do Novo Milladoiro, parque empresarial e instalacións deportivas

O Concello de Ames dispón para este proxecto dunha axuda económica do Plan Único da Deputación da Coruña. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 23 de novembro a adxudicación das obras de mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública da zona residencial e comercial do Novo Milladoiro, parque empresarial e industrial do concello e en varias instalacións deportivas desta localidade. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Instalaciones eléctricas Coruñesas SL por un importe de 61.070,45 euros.

Cambiaranse 375 luminarias
O goberno de Ames, seguindo na mesma liña iniciada para a renovación da iluminación pública no resto do concello, pretende realizar un cambio total da iluminación pública deste núcleo urbano (vías, sendas peonís, paseos, parques, ….) adaptándose a normativa existente e intentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade lumínica, factores de cegamento, contaminación lumínica, redución do consumo enerxético garantindo un uso sustentable das instalación e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica “en total cambiaranse 375 luminarias na zona residencial e comercial do Novo Milladoiro, aparcadoiro de autocaravanas, zona do parque empresarial, así como en instalacións deportivas (pistas deportivas que están ao carón da Casa da Cultura e nas pistas deportivas e na área recreativa, que se atopan entre a rúa Pardiñeiros e Muíño Vello). Tamén se executará a reforma de todos os centros de mando destas zonas”.

Eficiencia enerxética para o parque empresarial Novo Milladoiro
Este proxecto súmase ao proxecto de eficiencia enerxética para o parque empresarial Novo Milladoiro, que se aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 27 de xullo. Este proxecto foi adxudicado en Xunta de Goberno Local por 41.745 euros empresa Acelec instalaciones eléctricas SL. O Concello de Ames dispón para este proxecto dunha axuda económica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, destinada a sufragar a habilitación e mellora dos polígonos empresariais da comunidade. A través de dita subvención sufrágase o 80% do proxecto, o 20% restante do importe total ten que achegalo o Concello.

Este proxecto pretende renovar parte da iluminación pública da zona do parque empresarial do Milladoiro para adaptarse á normativa existentes e intentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade de iluminación, factores de cegamento, contaminación lumínica e redución do consumo enerxético, garantindo un uso sustentable das instalacións e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.

O alcalde, Blas García, explica que “durante os últimos cinco anos cambiáronse preto de 5.000 luminarias en todo o concello para pasar as luminarias ao sistema de led. Coa execución destes dous proxectos quedará toda a iluminación pública do concello con tecnoloxía led o que redundará nun importante aforro económico e cumpriremos cos criterios de eficiencia enerxética”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *