186 sancións por non levar máscara na vía pública

279

Desde que se endureceron as medidas respecto ao uso das máscaras, os diferentes servizos dá Policía Local están a realizar unha vixilancia específica respecto a este tipo de incumprimentos, que contribúa a evitar os contaxios entre a poboación. Deste xeito, os axentes da Policía Local de Ames tramitaron 186 propostas de sanción por non facer uso da máscara na vía pública, 136 delas na ultima semana. Este traballo, viuse completado co levantamento doutras 15 actas por consumo de alcol na vía pública.

Estas actuacións son só unha parte do traballo da Policía Local neste sentido, pois a vixilancia acompáñase ao mesmo tempo de indicacións e recomendacións á poboación para promover que se manteñan as medidas sanitarias e de seguridade nos espazos públicos.

O Goberno municipal lembra que para as persoas de seis ou máis anos é obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren  abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros. Así mesmo, lembrar que tamén está expresamente prohibido o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público, polos riscos que presenta para a saúde.

Desde o goberno faise fincapé na necesidade do “compromiso persoal e responsable” dos veciños e veciñas á hora de poñer freo á transmisión do virus, lembrando que a situación segue sendo grave e que debemos adoptar as medidas preventivas aconselladas polas autoridades sanitarias, centradas no uso de máscaras, hixiene de mans e o conveniente distanciamento social. Ademais, faise un chamamento á cidadanía en xeral e moi especialmente á mocidade para que eviten as situacións de aglomeración e respecten a utilización de máscaras para evitar rebrotes da pandemia.

Víctor Fernández, concelleiro responsable da área de seguridade cidadá, agradeceu “o comportamento exemplar da inmensa maioría dos veciños e veciñas de Ames nesta crise sanitaria” e reiterou o chamamento á responsabilidade “a esa minoría que aínda non cumpre coas normas e pon en risco a saúde de todos”. “Custou moitísimo chegar ata aquí e non podemos dilapidar o esforzo tan grande que realizaron profesionais sanitarios, as forzas e corpos de seguridade, e toda a sociedade durante o confinamento”.

Así mesmo, quere agradecer o traballo desenvolvido polos axentes e os seus mandos “neste esforzo conxunto para facerlle ver á cidadanía a necesidade de extremar as precaucións, e con elo evitar o risco de contaxios, así como destacar o seu compromiso e profesionalidade do que están a facer gala desde o comezo do estado de alarma ata a actualidade”.