Ao longo de 3 semanas desenvolvéronse xuntanzas nos distintos locais sociais das 11 parroquias do Concello para dar a coñecer o proceso
O pasado día 18 de maio o goberno de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda, presentou a nova iniciativa de Orzamentos Participativos para 2017, unha proposta que supón a participación e implicación directa da veciñanza amesá no proceso de decisión do destino de parte dos recursos municipais.
Ao longo de 3 semanas, durante os meses de maio e xuño, desenvolvéronse xuntanzas nos distintos locais sociais das 11 parroquias do Concello para dar a coñecer o proceso. Nestas experiencias entre a veciñanza e os membros do goberno, cun resultado moi satisfactorio, pois participaron preto de 200 veciñas/os das distintas parroquias.
Unha vez finalizadas ditas xuntanzas abriuse o prazo de presentación de propostas desde o 9 de xuño até o 23 de xuño. O 16 de xuño constituíuse a Comisión de Orzamentos Participativos (COP) que quedou formada por representantes veciñais e membros do goberno, órgano colexiado encargado da valoración, selección e seguimento da execución das propostas. María del Carmen Lemos, representante da parroquia de Covas e Genma Uria, concelleira de Economía e Facenda, foron elixidas por unanimidade presidenta e secretaria respectivamente da devandita Comisión.
“Esperamos poder contar canto antes cos proxectos para poder levar a cabo os investimentos durante o último trimestre do ano”
Unha vez rematado o prazo, contabilizáronse 186 propostas veciñais. Os técnicos estudarán agora a viabilidade técnica e legal e unha vez ditaminado, a COP procederá a valorar as propostas tendo en conta os criterios de preferencia establecidos nas bases.
Todas as parroquias, agás Agrón, presentaron propostas nas que se solicitan actuacións variadas e as veces coincidentes nas distintas parroquias. A veciñanza pide arranxos de camiños e lavadoiros, acondicionamentos de locais sociais, paneis informativos nas aldeas e melloras de accesibilidade.
“Esperamos poder contar canto antes cos proxectos para poder levar a cabo os investimentos durante o último trimestre do ano”, manifesta o alcalde de Ames, José Miñones, que tamén engade a súa satisfacción pola participación dos veciños e veciñas do rural no proceso: “foi todo un éxito e agradezo as múltiples aportacións realizadas”