4.000 € en premios na festa do Entroido de 2018

679

O Concello investirá 4.050 € en premios no festival do Antroido que se celebrará o vindeiro 12 de febreiro no Milladoiro

O luns, 12 de febreiro, o Concello de Ames celebra a sétima edición da Festa de Entroido. Este ano esta celebración realizarase, a partir das 17:00 horas, na Travesía do Porto (no aparcadoiro en fronte da Escola Infantil), no Milladoiro. O prazo de inscrición para o concurso de disfraces poderanse realizar ata as 11:00 horas do propio día da Festa de Entroido. No concurso de disfraces repartíranse 3.800 euros, que estarán repartidos nas seguintes categorías: infantil, adultos, grupos e comparsas. Ademais, haberá dous premios especiais con 125 euros aos mellores disfraces realizados con material de reciclaxe. Esta última é a principal novidade respecto a edicións anteriores. Os Festicultores Troup, a Charanga NBA e A Fanfarría Taquikardia porán música a esta festa.

O Concello de Ames está organizando para o vindeiro luns, 12 de febreiro, unha nova edición da Festa de Entroido, que este ano se desenvolverá na localidade do Milladoiro, a partir das 17:00 horas. A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se pode participar nas seguintes categorías: infantil, adultos, grupos e comparsas. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do concurso de disfraces e os impresos de inscrición.

Os participantes deberán ter 12 anos ou menos na categoría infantil e máis de 12 anos na de adultos. Os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as comparsas por 10 ou máis persoas, de calquera idade en ambos casos. O concurso desenvolverase no aparcadoiro da Travesía do Porto (en fronte da Escola Infantil), no Milladoiro. As inscricións para participar no concurso de disfraces realizaranse de xeito presencial na Casa da Cultura do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo cultura@concellodeames.gal. A data límite das inscricións é o propio luns 12 de febreiro, día do concurso, ás 11:00 horas.

Os datos que hai que achegar son o título do disfrace, o nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, o DNI, un teléfono de contacto, a categoría na que se participa e o número de compoñentes. As fichas de inscrición deberán estar asinadas polas persoas representantes. Os menores de idade deberán ser inscritos polo seu responsable legal. No caso dos grupos, a inscrición deberá ser asinada por dúas persoas maiores de idade; catro no caso das comparsas, sempre que non pertenzan a asociacións legalmente constituídas. Os representantes deberán estar apoiados polos demais membros concursantes e autorizados para recoller o premio.

Categorías e premios do concurso de disfraces

Repartiranse 3.800 euros entre as categorías infantil, adultos, grupos e comparsas, que se suman a outros 250 euros destinados aos mellores disfraces elaborados con material de refugallo. Haberá tres premios por cada categoría. Deste xeito, na categoría infantil haberá 100 euros para o primeiro, 75 euros para o segundo, e 50 para o terceiro. Na categoría de adultos o primeiro premio estará dotado de 200 euros, o segundo de 150 euros, e o terceiro de 75 euros. Na categoría de grupos os premios serán de 500, 300 e 150 euros, mentres que na categoría de comparsas entregaranse 1.100, 600 e 500 euros.

O xurado, que estará composto por tres membros designados polo departamento de Educación e Cultura, valorará os disfraces conforme á creatividade, caracterización e orixinalidade. Esta valoración realizarase durante o desfile. A súa decisión será inapelable. Os/as participantes deberán presentarse na carpa instalada polo Concello na Travesía do Porto debidamente ataviados entre as 17:00 e as 18:00 horas. O desfile comezará arredor das 18:00 horas e seguirá o percorrido e o ritmo que marque a charanga. Os Festicultores Troup, a Charanga NBA e A Fanfarría Taquikardia porán música a esta festa.