50.000 euros para unha nova pista polideportiva en Agro do Muíño

595

A nova pista polideportiva en Agro do Muíño (Ortoño) conta cun presuposto de execución de 49.865,39 euros

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto técnico das obras de pavimentación da pista polideportiva da urbanización das Mimosas (Biduído) e de execución dunha nova pista polideportiva en Agro do Muíño (Ortoño), que conta cun presuposto de execución por contrata de 49.865,39 euros. Este proxecto será sufragado con fondos propios do Concello, xa que está incluído nos orzamentos de 2017. O goberno municipal traballa para mellorar as instalacións deportivas e de lecer xa existentes, e tamén, para executar novas pistas de xogo naquelas zonas onde non existen.

En primeiro lugar vaise a reformar a pista polideportiva que está situada na urbanización das Mimosas, na parroquia de Biduído. Debido ao paso do tempo o firme desta pista está bastante deteriorado, polo que é preciso levar a cabo unha actuación de mellora. Os traballos consistirán na preparación do firme para aplicar un novo pavimento sobre o xa existente. De seguido, aplicarase unha pintura especial para este tipo de pistas de xogo e pintaranse as liñas que delimiten as pistas de fútbol sala e baloncesto con liñas de 5 centímetros de anchura continuas e descontinuas. Terminada a obra, reinstalaranse as canastras cos contrapesos que teñen na actualidade e as portarías mediante ancoraxes químicas ao chan.

Esta pista será equipada con dúas portarías e unha canastra de baloncesto

Por outra banda, vaise a construír unha nova pista polideportiva no Agro do Muíño, que dará servizos aos rapaces e rapazas da urbanización existente nesta zona, aos usuarios/as da parroquia de Ortoño e o alumnado do colexio deste lugar. A devandita pista executarase na zona verde que se atopa na marxe dereita da estrada Bertamiráns – Osebe e ao carón da urbanización Agro do Muíño, zona na que existe na actualidade un parque infantil en uso. Esta zona de xogo disporá dunhas dimensións de 12 por 20 metros e albergará unha pista de fútbol 3 e media pista de baloncesto. Ademais, como novidade para o pavimento empregarase un firme deportivo para exteriores formado por céspede sintético.

Esta pista será equipada con dúas portarías e unha canastra de baloncesto. Os lados curtos da pista e o lado longo norte serán pechados cun reixa metálica de malla galvanizada, mentres que o lado longo sur estará pechado con varanda de protección exterior sobre propio terreo ou pequenas alturas, dun metro, realizada con pasamáns e tubos horizontais de aceiro de 50 milímetros de diámetro separados 40 centímetros e pilastras do mesmo tubo cada 1,5 metros. Polo tanto, no lado que está pegado a estrada Bertamiráns – Osebe o peche será máis alto.

Tamén se vai a reformar a pista polideportiva que está situada na urbanización das Mimosas, na parroquia de Biduído

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que con este novo investimento en instalacións deportivas estanse a cumprir dous obxectivos deste goberno. Por un lado mellorar as instalacións deportivas existentes, que se atopan en mal estado, como xa se fixo no Milladoiro, por exemplo; e polo outro, crear novos espazos para prácticar deporte, tal e como acontece coa nova pista de Agro do Muíño, ou as ampliacións dos pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns. “Ames ten unha carencia importante en infraestruturas deportivas, algo que estamos intentando paliar cun importante esforzo en investimento económico para mellorar e ampliar ditas instalacións durante este mandato” afirmou Miñones.