50 rapaces participan no IV Campus de Verán de Fútbol que organiza a Fundacón Celta de Vigo

O concello de Ames acolle por cuarto ano consecutivo o campus de verán que organiza a Fundación Celta de Vigo.

484

As clases están sendo impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo

O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo están desenvolvendo no campo municipal do Milladoiro o cuarto campus de verán de fútbol, que ten o obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. O campus de verán da Fundación Celta de Vigo comezou este luns, 26 de xuño, e rematará o próximo venres 30, cunha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos.

Nesta iniciativa están participando arredor de 50 rapaces e rapazas de 4 a 16 anos. Os nenos e nenas están divididos en catro grupos segundo a idade dos participantes. As clases están sendo impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo, que empregan un sistema de adestramento rotativo dividido en catro grandes áreas: coordinación-psicomotricidade; técnica; táctica; competición e multideporte.

O obxectivo deste campus é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos/as están recibindo unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Todos os días os participantes dispoñen dun pequeno almorzo composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. A cada neno/a que está participando neste actividade entregóuselle un equipamento oficial de marca ADIDAS, que está composto por uns calcetíns, unha camiseta e un pantalón.