A solidariedade volverá ser protagonista en Ames o vindeiro venres 27 de xuño, coa celebración da terceira edición da Cea Solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, unha iniciativa que busca recadar fondos para mellorar a calidade de vida dos pacientes pediátricos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e apoiar ás súas familias.
O evento terá lugar ás 20.30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e está organizado conxuntamente pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Obra Social Pediatría e Albarín Catering e Eventos, coa colaboración directa do Concello de Ames.
A presentación da iniciativa celebrouse este 12 de maio no salón de plenos da Casa do Concello, coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, o xefe do Servizo de Pediatría do CHUS e coordinador de Obra Social Pediatría, Federico Martinón Torres, e o presidente de XEA, Ramón Cordido.
O alcalde destacou que “esta iniciativa vai moito máis alá dunha cea: trátase de poñer recursos ao dispor das familias que están vivindo momentos duros cos seus fillos. É fundamental que conten cun colectivo como Obra Social Pediatría, que lles dá apoio real cando máis o necesitan”.
Baixo o lema “Axúdanos a debuxar o seu sorriso”, a cea solidaria contará cun menú a 30 euros para adultos e 15 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, dos cales 5 euros irán destinados directamente como doazón. Os menores de 6 anos poderán asistir de balde.
As entradas poden mercarse a través dun formulario en liña ou adquirirse en varios puntos de venda físicos: en Bertamiráns, en Secretos de Tocador, Papelería Chavián e Don Budi; e no Milladoiro, na cafetería da Casa da Cultura, en Nonna & Go e Nenos Nais. Tamén está dispoñible a opción de Fila Cero para aquelas persoas que desexen colaborar sen asistir ao evento. Para máis información, pódese contactar co número 641 11 60 05.
Pola súa banda, Federico Martinón afirmou que “tras superar a barreira das dúas primeiras edicións, esta cea xa se pode considerar unha tradición solidaria en Ames, que mestura amizade, comunidade e compromiso social”.
A concelleira Uxía García puxo en valor o crecemento desta cita solidaria ano tras ano: “Cada vez somos máis os que queremos colaborar coa Obra Social Pediatría e desde a área de Benestar Social poñemos todos os recursos posibles ao servizo desta causa”.
O evento está aberto á participación da veciñanza de Ames, e unha mostra de como o tecido empresarial tamén pode ter unha vertente solidaria”. A III Cea Solidaria promete ser unha noite de encontro, emoción e apoio á infancia hospitalizada, reafirmando o compromiso social dunha comarca cada vez máis unida.












