O 9 de setembro retomarase a I Carreira da Familia no Milladoiro

Finalmente, a primeira edición da Carreira da Familia celebrarase o vindeiro 9 de setembro, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro

O pasado 30 de xullo, a I Carreira da Familia tivo que ser suspendida por mor do mal tempo previsto para ese día. Finalmente, a primeira edición da Carreira da Familia celebrarase o vindeiro 9 de setembro, a partir das 17:00 horas, no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. O evento solidario, que está organizado polo Concello de Ames a través da Concellaría de Deportes, destinará o diñeiro recadado mediante as inscricións á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).

A actividade central da I Carreira da Familia será unha carreira “simbólica” de apenas tres quilómetros a través das rúas do Milladoiro. Alén diso, ao longo da tarde tamén haberá unha festa con DJ, inchables, animación, obradoiros, premios e un sorteo. Así, a I Carreira da Familia comezará ás 17:00 horas coa entrega de dorsais e unha bolsa regalo na carpa da organización. Posteriormente, comezarán as actividades cunha sesión de música, animación e baile, seguida dunha sesión de quecemento grupal previa á Carreira da Familia. Após a carreira, terán lugar máis actividades lúdicas que incluirán inchables e diferente xogos. A xornada rematará cun sorteo de agasallos e a entrega de premios.

A participación será individual ou e en familia e, para as gañadoras e gañadores, haberá diferentes premios (por orde de chegada á meta): á familia máis numerosa, á avoa ou avó de máis idade, á primeira ou primeiro en chegar á meta individualmente, á primeira familia de dous integrantes, á primeira de tres, á primeira de catro e á primeira de cinco (cuxos membros deberán chegar todos ao mesmo tempo nestes casos).