O 9 de xullo desfruta da XIII Festa do Chourizo ao Viño de Ortoño

A festa celebra este ano a súa 13ª edición, degustando o chourizo ao viño, xunto con orella de porco cocida e filloas.

791

O cartel complétase con numerosas actuacións musicais, o XII campionato de chave e xogos para as máis pequenas e pequenos

O domingo volve celebrarse a clásica Festa do Chourizo ao Viño na parroquia de Ortoño. A festa, organizada pola Asociación Gastronómica Recreativa e Cultural do Chourizo ao Viño, en colaboración cos Concellos de Ames e Brión, celebra a súa XIII edición degustando este prato, ao que fai seis anos se lle engadiu a cata de orella de porco cocida, e que este ano aínda se ampliará máis coa inclusión de filloas. O cartel complétase con numerosas actuacións musicais, o XII campionato de chave e xogos para as máis pequenas e pequenos.

O día comezará cunha misa as 12:15h da mañá, e ao acabala, a partir das 13:00h, comezará a degustación dos chourizos ao viño. Os chourizos estarán acompañados por unha guarnición de cachelos, e serán regados con viño do Ribeiro. Como vén sendo habitual, estarán acompañados de orella de porco cocida, e desta volta, coma novidade deste ano, uniranse ao menú por primeira vez as filloas. De postre ofrecerase café e xeado. Ademais, o xantar estará amenizado por dous grupos amesáns de música tradicional, os grupo de gaiteiros Os Castros e as pandereteiras As Maianas.

Ao remate do xantar comezarán as actuación musicais da man de De La Cruz Show, que se estrean nesta festa. Xa entrada a tarde actuarán o habitual dúo musical Eva e Camilo e, pra rematar a xornada, un clásico, o cantante Miguel Torres, que dará por finalizada a velada actuando a partir das 19:00h.

Pola tarde, tamén teremos deporte, xa que ás 17:00h farase o tradicional Campionato de Chave por Parellas, que xa está na súa 12a edición (a inscrición para esta competición remata ás 16:30h). Durante toda a xornada as nenas e nenos poderán gozar dunha carpa e inchables, por cortesía de Tiko Doco.