Entrerríos e Ameneiral reabren ao tráfico as fins de semana

584

Volven o tráfico de vehículos ás rúas Ameneiral e Entrerríos durante as fins de semana. O pasado mércores tivo lugar unha xuntanza entre membros do Goberno municipal e 14 comerciantes das rúas Entrerríos e Ameneiral de Bertamiráns. Esta reunión produciuse despois de que o pasado 15 de setembro a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) presentase por Rexistro un escrito preguntando polos cortes de tráfico de sábado e domingo que se producen dende a desescalada, en maio, para potenciar o tránsito peonil.

Por parte do Concello participaron na reunión a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e mailo concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández. Á mesma asistiron 14 comerciantes dos 37 convocados.

Reactivación do comercio amesán
Despois de escoitar ao asistentes, o Concello acordou a reapertura ao tráfico rodado nestas rúas, que terá efecto dende este mesmo sábado 26 de setembro. A concelleira de Promoción Económica explica que “en ningún momento vamos a poñer trabas ao comercio. Este Goberno a través do diálogo sempre atende as demandas que se lle plantexan”.

Desde o Concello informan que non houbo ningún escrito presentado nos meses anteriores e que no momento que entrou por Rexistro unha solicitude sobre este asunto, o pasado día 15 de setembro, actuouse e realizouse dita xuntanza para coñecer de primeira man a problemática presentada. A peonalización destas rúas foi seleccionada polo feito de que as mesmas son rúas que xa viñan sendo cortadas ao tráfico para o desenvolvemento do mercadillo e de aí que se mantivese ao longo destes meses, a pesares da necesidade de reubicar o mercado de rúa nunha nova zona.

Dende o Goberno municipal son conscientes de que o sector comercial está a sufrir as consecuencias derivadas da Covid-19. Por iso se puxo en marcha durante os meses de xullo, agosto e setembro o programa AmesOn, que a través de diferentes actividades (concertos, actividades infantís, cine ao aire libre, etc.), tratouse de dinamizar o sector comercial e apoiar o sector cultural de Ames. Precisamente, na praza do Concello que está situada na contorna das rúas Ameneiral e Entrerríos realizáronse diferentes eventos do porgrama AmesOn como concertos e outro tipo de actividades lúdicas para dinamizar o comercio desta zona de Bertamiráns.

Ademais, dentro do Plan Reactiva Ames recóllense novas actividades, que se darán a coñecer as vindeiras semanas, para dinamizar o comercio de Ames durante o último trimestre de 2020.