A AMTIC celebrou o día da informática cun evento no Milladoiro no que participaron 200 persoas

162

Con motivo do Día Mundial da Informática, que se conmemorou o pasado 9 de decembro, a Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación organizou o sábado, día 10, un evento tecnolóxico denominado “Día da AMTIC”. O evento desenvolveuse  durante todo o día na Casa da Cultura do Milladoiro. 

Impartiuse un taller de administración electrónica, que tratou sobre os certificados electrónicos e como usalos, e que estivo especialmente enfocado cara a Sede electrónica do Concello de Ames. Ademais, houbo dous obradoiros de impresión 3D, para que os participantes aprenderan a usar o programa e puidesen poñer en práctica os coñecementos adquiridos facendo as súas propias impresións. Tamén se impartiu un taller sobre o programa de sofware libre de edición de imaxes GIMP.

Espazos permanentes e conferencia

Por outra banda, instaláronse diversos espazos permanentes. Deste xeito, no auditorio da Casa da Cultura organizouse un torneo de FIFA e no vestíbulo do propio centro sociocultural desenvolveuse a actividade “Xogando con Nintendo Switch”, no que os asistentes puideron desfrutar desta consola e compartir os seus coñecementos co resto de participantes. Tamén se organizou un taller de hama beads e outro de creación de espadas láser.

Por último, o doutor José Luis Montiel Castaño impartiu unha charla denominada “Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruíne”, que puxo o foco na ludopatía como consecuencia do consumo excesivo de aparellos de ocio tecnolóxico.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, destacou “a boa acollida que tivo esta primeira edición do evento tecnolóxico organizado pola Aula AMTIC do Milladoiro”.