A área sanitaria rexistra hoxe tres casos activos menos que onte

291

A área compostelá reduciu hoxe, segundo cifras feitas públicas polo Sergas, os casos activos de COVID-19, ao baixar de 1081 a 1078. Unha persoa faleceu nas últimas horas na Fundación José Otero de Santiago de Compostela, nunha xornada que deixou 17 mortos en toda Galicia.

A Consellería de Sanidade informa hoxe de 6.637 casos activos de coronavirus na comunidade. Por áreas sanitarias e de máis a menos casos, hai 1.550 na  Coruña, 1.301 en Ourense, 1.164 en Vigo, 1.078 en Santiago, 627 en Lugo, 535 en Pontevedra e 382 en Ferrol. Ourense segue sendo a área máis afectada por volume de poboación, aínda que é a da Coruña a que rexistra maior número de pacientes.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 92 permanecen en UCI, 568 están en unidades de hospitalización e 5.977 están no seu domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.676 altas de pacientes e 492 falecementos. O número de PCR realizadas é de 76.129.

As residencias da terceira idade e persoas dependentes seguen a ser centros especialmente vulnerables. Representan máis do 18% dos contaxios en Galicia e máis do 45% das mortes. Un 3,7% dos residentes contraeu coronavirus desde que comezou a pandemia.