A área sanitaria suma 18 novos casos, un 1,69% máis, e segue por debaixo da media galega

234

A Xunta informa hoxe dun total de 1.081 casos activos de COVID-19 na área sanitaria santiaguesa, onde se integra Ames. Son 18 máis que o día anterior e supoñen un leve incremento na taxa de aparición de novos casos, que se sitúa no 1,69%. A nivel galego, esta é do 1,84%. 

A Coruña é un día máis a área sanitaria galega con máis afectados, con 1.485 pacientes. Ourense segue sendo a segunda en número de casos e a primeira se atendemos ao volume poboacional, con 1.301 casos activos. A viguesa rexistra 1.166 e a compostelá, 1.081. Con moito menor volume de pacientes permanecen a área de Lugo (614), a de Pontevedra (520) e a ferrolá (367). De todo este volume de pacientes hai 96 na UCI e 585 hospitalizados a maiores. A ampla maioría de pacientes, case 5.900, están controlados nas súas propias vivendas. A taxa de hospitalización mantense xa que logo levemente por riba do 10% en Galicia. Ata agora houbo 1.625 altas e 475 mortes polo coronavirus, con 72.858 PCR realizadas.

As residencias de maiores e persoas dependentes seguen sendo espazos especialmente afectados e que concentran as cifras da pandemia. Unha quinta parte dos pacientes de COVID-19 contaxiáronse nun destes centros (1.367 persoas entre usuarios e profesionais dos centros), e un día máis volven representar o 44% dos falecementos a nivel autonómico. O 4% dos residentes nestes centros, un de cada 25, contraeu coronavirus.