A arte efémera floral quere ser recoñecida como Patrimonio Inmaterial

516

A Asociación de Alfombristas de Ames leva anos engalanando cos seus traballos conmemoracións relixiosas e civís, levando o nome da localidade a multitude de encontros nacionais e internacionais. A afección ten moita forza no municipio, onde moitas parroquias fan honra do patrón ou conmemoran certas datas con alfombras florais. Á Asociación Cultural “Alfombristas San Xoanciño de Ames” que preside María Xosé Bello, débense moitas destas pezas.

Agora, Ames pode dar un paso para recoñecer este ben cultural coa proposta de inscrición dos coñecementos e técnicas relacionadas coa arte efémera de elaborar alfombras e outros elementos con flores e materiais naturais, na lista do Patrimonio Inmaterial da UNESCO. Esta iniciativa debaterase no Pleno de mañá, xoves 26 de novembro, logo de que os grupos que conforman o Goberno Municipal (PsdeG-PSOE, BNG e CP), presentasen este asunto como moción pola vía de urxencia. 

Na exposición de motivos faise referencia á importancia cultural, tradicional, relixiosa, artística e patrimonial das alfombras de arte efémera. A moción acorda dar o consentimento para que os Coñecementos e técnicas relacionados coa arte efémera de elaborar alfombras e outros elementos con flores e materiais naturais, sexan inscritas na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da UNESCO. Acórdase tamén facultar ao alcalde para asinar a documentación que sexa necesaria para esta finalidade e comunicar este acordo á Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera.

Ames no mundo
Hai máis de tres lustros que María Xosé Bello comezou a engalanar cunha alfombra de flores a capela de San Xoanciño de Pousada. O exemplo medrou e na actualidade son moitas as parroquias que elaboran alfombras nas súas festas patronais. Ademais, as alfombristas de Ames adoitan enriquecer moitos actos do concello con estas obras de arte efémera.

Por outra banda, Bello, que na actualidade é tesoureira da “Federación de Asociacións de alfombristas galegos de Arte Efémera”, ten viaxado xunto con compañeiras e compañeiros de Ames a distintos lugares de España e do mundo para participar en xuntanzas, encontros e outros eventos nacionais e internacionais relacionados con esta arte.

Cabe recordar a presenza das alfombristas de Ames no proxecto “Momento de Solidariedade”, promovido pola Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efémero. O IV Encontro Internacional de Alfombristas de Bueu. o proxecto virtual Internacional Ephemeral Art Tokio 2020 e o XIV Encontro de Alfombristas de Cataluña, onde as alfombristas de Ames realizaron un deseño sobre a Ponte Maceira. Ademais a presidenta, María José Bello, participou na confección dunha alfombra floral de 1.800 metros cadrados na Gran Place de Bruxelas.