A Aula da Natureza ensinou á veciñanza a distinguir os cogomelos

253

Nin a chuvia puido acabar co paixón pola micoloxía da veciñanza de Ames. Arredor de vinte persoas secundaron a saída ás Brañas da Devesa, Sisalde e os piñeirais de Agro do Muiño que organizou a Aula da Natureza do Concello para buscar cogomelos nestes espazos da Rede Natura 2000. A actividade estivo guiada pola bióloga Sira López quen ademais de ofrecer información sobre as especies atopadas, insistiu en coidar os espazos naturais amesáns e advertiu da necesidade de recoller só aqueles exemplares que se coñecen ao cen por cen.

“Non se atoparon moitos cogomelos, pero eso sí, de moitas variedades”, comentou a responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, que acompañou ao grupo nesta saída. Para o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, afeccionado tamén aos cogomelos, estas saídas son moi importantes á hora de educar á cidadanía: “As saídas xa son importantes para que a xente que decote sae ao monte na procura de fungos, saiba que exemplares pode apañar e consumir con seguridade, pero ademais teñen tamén o valor engadido de axudar a concienciar sobre a necesidade de respectar e coidar o noso entorno natural”.