A avenida da Maía xa é municipal

354

A transferencia da avenida da Maía ao Concello de Ames xa é unha realidade, despois de que o pasado 30 de abril se publicase no DOG o decreto relativo o cambio de titularidade a favor do Concello de Ames do tramo da estrada AC-543, comprendido entre o punto quilométrico 6+250 e o punto quilométrico 8+390. Deste xeito, dende o pasado venres a arteria principal de Bertamiráns pasa a ser de titularidade municipal. Previamente, o Concello de Ames e maila Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames. En dito acordo recóllese que a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390. Este convenio está ligado ao orzamento da Xunta de 2020. Este convenio foi previamente aprobado por unanimidade pola Corporación municipal no pleno ordinario de decembro de 2019. Dito proxecto está dividido en dúas partes: a primeira abarca a mellora do firme dende a glorieta da autovía AG-56 ata o centro de Bertamiráns (73.000 euros) e o segundo dende o centro de Bertamiráns ata o límite municipal con Brión (68.000 euros). 

Acondicionamento da avenida da Maía
Esta vía precisa dunha mellora no firme da estrada que consiste na reparación de blandóns e roturas, tratamento superficial e o repintado das marcas viarias aproximadamente nuns 2.140 metros de lonxitude. Desde o Goberno quérese comezar coa humanización desta arteria principal comezando con medidas de seguridade como son a instalación de novos pasos de peóns, o pintado da estrada de redución da velocidade e a implantación de sinais luminosas nos devanditos pasos peonís. Ademais habilitaranse novas direccións de xiro e de circulación tratando de desatascar o centro do núcleo urbano. O alcalde de Ames, Jose Miñones, sinala que “estamos satisfeitos por conseguir a transferencia da avenida da Maía, xa que comezamos coas xestións para elo en 2017. Mereceu a pena a espera porque agora o Concello poderá mellorar a seguridade e o tránsito peonil desta arteria de Bertamiráns. O noso obxectivo é ir humanizando o núcleo urbano e incrementar a seguridade peonil”. Este acordo chega despois de tres anos de negociacións. Ditas negociacións comezaron en maio de 2017 e finalizan agora con dita transferencia, que permite que o tramo da estrada AC-543, na travesía da avenida da Maía, pase a ser de titularidade municipal. Isto permitirá que o Concello poida executar as obras de humanización da contorna da praza do Concello, incluídas no Plan Impulsa Ames, da EDUSI, que tamén afectan a unha parte da avenida da Maía, sen ter que solicitar permisos á Xunta de Galicia. O Concello acaba tamén de aprobar o inicio das obras de accesibilidade nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. No caso do núcleo de Bertamiráns moitas das actuacións desta obra terán lugar na propia avenida da Maía coa adaptación dos pasos de peóns ao cumprimento de accesibilidade, dentro do plan de humanización da devandita avenida. Nestes intres o goberno municipal está rematando os traballos correspondentes ao proxecto de obra con cargo aos fondo da Xunta e no que se ten previsto ampliar espazos peonís e unha maior integración do peón en todo o tramo municipal da avenida. 

Cesión da avenida da Peregrina
Ademais, o goberno municipal comezará a estudar a posibilidade de cesión doutra vía do núcleo urbano de Bertamiráns como é a avenida da Peregrina. O obxectivo é poder dar arranxo á situación actual de desnivel das beirarrúas e poder realizar unha actuación nas mesmas incrementando as zonas de tránsito. Ademais estudarase a posibilidade de creación dunha senda peonil segura e un carril bici para unir o centro de Bertamiráns cos centros educativos e deportivos. O rexedor municipal indica que “puxémonos en contacto coa Axencia Galega de Infraestruturas para acadar a cesión desta outra avenida. O Concello quere mellorar os problemas nas cotas das beirarrúas, tras o último asfaltado que se fixo nesta estrada e mellorar tamén a seguridade de todo o tramo, e en especial do entorno do CEIP da Maía e do IES de Bertamiráns”.