A Batalla de Altamira “revive” do 10 ao 11 de xuño

179

O vindeiro fin de semana celébrase a segunda edición de ‘Altamira Brilla’, a festa histórica que conmemora a batalla de Altamira. O evento está impulsado polos concellos de Ames e Brión conxuntamente coa Deputación da Coruña. Haberá dúas xornadas de actividades os días 10 e 11 de xuño.

Este ano cúmprese o 551 aniversario da batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira. Este monumento goza na actualidade da consideración de Ben de Interese Cultural e álzase nun espazo privilexiado que fai dele un miradoiro sobre a Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

Na presentación do programa, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, destacou que “a batalla de Altamira é un dos feitos máis importantes da historia da comarca e do país”. Considera que con esta festa se camiña para facer do conxunto un monumento “que ten que ser referencia na comarca, coa dimensión histórica e cultural que merece”.

O programa arrinca o venres 10 ás 20h coa presentación do proxecto de posta en valor das Torres de Altamira e das investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres, nunha sesión na que intervirá o arquitecto Mario Crecente. Será no Pazo da Peregrina en Bertamiráns.

Ao día seguinte, sábado 11, arrincará ás 9.30h a ruta teatralizada polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión.  O autobús que recollerá os participantes sairá da Carballeira de Santa Minia, en Brión, ás 9.30, e do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 9.45. Para reservar hai que enviar un correo a rutabatallaaltamira@gmail.com sinalando n o nome, apelidos e DNI.

Á tarde haberá unha representación artística da batalla e concertos. Os autobuses sairán ás 19.15h da Carballeira de Santa Minia en dirección ás Torres de Altamira. As entradas pódense reservar de balde na web www.woutick.es. Non se permitirá o acceso con vehículos privados.

A recreación da batalla correrá a cargo do grupo Os Quinquilláns dende as 20.30h. Ás 21.45h actuará Caldo en concerto e ás 22.30h Grande Amore.