A campaña Bonos Consuma xa xerou case un cuarto de millón de euros

O Concello de Ames puxo en marcha un novo programa de incentivos a través de tarxetas bono co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano, que leva por nome “Bonos Consuma”, busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. En dita campaña están adheridos 105 establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, onde se poderán empregar os bonos consuma.

O pasado 15 de decembro abriu o prazo para que as persoas que o desexen poidan descargar as tarxetas de desconto “Bonos Consuma”. Para elo hai que entrar no apartado de clientes da web bonos consuma e introducir os datos persoais do beneficiario. O sistema funciona a través dunha aplicación móbil e o importe de cada bono irase consumindo en función do valor da compra.

O prazo de validez do bono vai do 15 de decembro de 2023 ao 31 de xaneiro de 2024, salvo que se esgote o orzamento do programa que ascende a 61.000 euros. É importante saber que no caso de que se esgote o orzamento do programa, os vales descargados deixarán de ter saldo polo que se perderá o saldo pendente de gastar.

Ata este venres, 5 de xaneiro, descargáronse 3.090 bonos e consumiuse o 89.2% do orzamento destinado a ditas tarxetas de desconto. Ata o de agora consumíronse 43.725 euros dos 61.000 euros que achega o Concello. Ademais, durante estes 20 días xerouse un gasto total de 230.912,08 euros nos 105 establecementos comerciais e de hostalería que se adheriron a dita campaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *