A campaña Merc@ames xa vendeu máis da metade das tarxetas bono

209

A campaña ‘Merc@mes, témolo todo!’ está a ser un éxito entre a veciñanza. Da boa acollida dá proba o feito de que xa se venderan, en cinco días, 961 tarxetas de 100 euros e 521 tarxetas-bono de 50 euros. Quedan por tanto menos da metade, un total de 1318 tarxetas-bono por vender (479 de 50 euros e 839 tarxetas de 100 euros).

A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames pon ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda do 40% do valor da mesma. O Concello de Ames inviste 92.000 euros en axudas directas á adquisición de bonos para incentivar as compras nos establecementos comerciais do concello. Ditos bonos funcionan como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN. Ademais, estas tarxetas poderán ser utilizadas en futuras promocións do Concello de Ames. As tarxetas están dirixidas á promoción do comercio e da hostalaría local, polo que calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames pode adquirir e empregar os bonos.

Esta fase da campaña dura ata o 15 de novembro, con 207 establecementos adheridos. A primeira, que estivo en marcha entre o 1 de marzo e o 1 de maio, puxo en circulación 3000 tarxetas bono. Nesta primeira parte da campaña participaran 170 establecementos de Ames, xerando unha media de 734,11 euros de negocio en cada un deles.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, quixo agradecer unha vez máis a colaboración dos veciños e veciñas de Ames “agradecer a todos as persoas que están comprando as tarxetas para axudar ao comercio local e á hostalaría de Ames. Agradecer, tamén, a implicación das tres asociacións de comerciantes e empresarios do municipio e de Protección Civil que está a colaborar na venda das tarxetas-bono”.