A Casa de Cultura de Bertamiráns acolle unha charla sobre ciberseguridade

165

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro mércores, 11 de xaneiro, ás 17:30 horas, unha nova charla sobre ciberseguridade e fraudes nas redes. A mesma conferencia xa fora organizada no mes de novembro pola Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro en dito municipio, logrando unha gran acollida entre a veciñanza. Nesta ocasión, ademais, clausuraranse os cursos do segundo módulo de alfabetización dixital nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. Deste xeito, entregaráselle un diploma a arredor de medio cento de veciños que asistiron a estas clases.

Esta conferencia está aberta a todos os públicos, e a entrada é de balde ata completar aforo. Este tipo de xornadas son organizadas polo departamento de Cultura de xeito paralelo aos cursos do segundo módulo de alfabetización dixital e aos que se imparten nas instalacións da aula AMTIC.

A charla abordará a manipulación e a desinformación na rede, así como os principais fraudes asociados a isto: phishing, compras en liña, anuncios vacacionais ou choios de segunda man. O encargado de impartila será Nacho Álvarez, diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca. Álvarez tamén está habilitado como Xefe e director de Seguridade polo Ministerio de Interior, e conta coa habilitación de Instrutor de Seguridade.

Tras colaborar durante dous anos para a Secretaría de Estado de Igualdade nun programa de investigación sobre homicidios no contexto da violencia de xénero, no ano 2018 comezou a traballar en SIA como consultor de ciberseguridade, onde obtivo as certificacións de Auditor Xefe de Sistemas de Xestión de Seguridade da Información e como Auditor Xefe en Continuidade de Negocio. Actualmente, é responsable de formación e concienciación en ciberseguridade de Govertis – TelefónicaTech.