A Coral de Bugallido, Medalla do Concello

231

O Pleno municipal de Ames celebrado de forma extraordinaria esta mañá aprobou por unanimidade conceder a medalla do Concello á Coral polifónica de Bugallido tras medio século de traxectoria musical. A entrega da medalla farase no acto do Día de Galicia do luns 24 de xullo ás 20h no Pazo da Peregrina.

A coral foi creada no ano 1972 na parroquia de Bugallido, en Ames, polo daquela párroco Don Antonio Santomil. Baixo a batuta de Santomil, a agrupación ofreceu numerosas actuacións en distintos puntos de Galicia e Portugal. Non obstante, trala morte prematura do seu director, a coral quedou inactiva.

No ano 1991, grazas á labor de distintas persoas que formaran parte dela con anterioridade, volveuse a poñer en marcha baixo o amparo da Asociación Cultural Antonio Santomil. Na actualidade, a Coral, dirixida por Xosé Ramón Santomil e formada por 31 persoas, participa en certames e festivais ao longo da xeografía galega.