A Deputación destina 704.000 € para reactivar as orquestras e as verbenas 

43
Formoso na presentación das axudas ás orquestras

A Ames correspóndelle un máximo de 15.000 euros. Valentín González Formoso, presidente da Deputación, destaca “a dimensión económica dunha actividade que xera 5.000 empregos e factura preto de 30 millóns de euros”. A Asociación de Orquestras, OTAVI,salienta que o sector das festas populares move máis de 300 millóns de euros na comunidade e reclama que outras administracións tomen nota da iniciativa.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou A nova liña de axudas provincial para reactivar o sector das orquestras e verbenas en Galicia, está dotada de 704.000 euros e vai dirixida a que os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes poidan contratar directamente a orquestras e/ou subvencionar ás comisións de festas para a súa contratación.

Formoso destacou “a dimensión económica dunha actividade na que Galicia se sitúa á vangarda de España, xa que xera 5.000 empregos e factura preto de 30 millóns de euros, o 70% da facturación do sector en toda España”.  

O presidente provincial tamén subliñou o “arraigo e a tradición que este sector ten en Galicia, cunha estrutura estable e organizada conformada por ao redor de 300 orquestras, entre as que se atopan algunhas das máis importantes do país, que xiran por todo o Estado”.

o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, fixo referencia a que con esta liña de axudas “non se bota unha man só ás orquestras senón tamén aos múltiples sectores que teñen relación coa verbena e as festas populares. Hai que sumar o impacto económico que teñen para a hostalería e restauración, atraccións de feira, pirotecnia, carpas… e para outros sectores locais ao congregar en moitos casos a milleiros de persoas”. Fernández apuntou que segundo un estudo realizado pola Asociación de Orquestras Tradicionais ao Vivo (OTAVI), o sector das festas populares move máis de 300 millóns ao ano contando coas atraccións de feira, carpas, restauración ou pirotecnia, uns números nos que tamén incide o estudo  do profesor Xaime Fandiño da Universidade de Santiago sobre o importante impacto económico do sector na nosa comunidade. 

O portavoz de OTAVI, Dani Dopazo quixo agradecer o apoio da Deputación: “estamos emocionados, para nós hai un antes e un despois de hoxe (en referencia ao momento do anuncio das axudas). Ogallá outras administracións collan o guante xa que se entre todos coidamos as festas galegas con un selo de calidade a todos nos vai ir moito mellor”.

Por último, Ángel García Seoane, deputado provincial e alcalde de Oleiros, quixo poñer de relevancia o papel das comisións de festas, que se verán beneficiadas destas axudas. “Non pode haber festas en Galicia se non se mima as comisións de festas. Non son empresarios, son veciños que fan un esforzo titánico para facer a festa do seu pobo. Iso non se pode ignorar, a Xunta non pode ignoralo e se sigue por aí van a desaparecer porque non as podemos manter só os concellos”.

Ames recibiría un máximo de 15.000 euros

Os 90 concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes (todos agás as grandes cidades) poderán solicitar, como máximo, a contía do módulo que lles corresponda, en función da porcentaxe resultante de dividir o número de habitantes do concello entre o número total de habitantes nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, supoñendo así axudas que van desde os 3.000 aos 15.000 euros, en función da súa poboación. Ames está entre os máis poboados e pode solitar un máximo de 15.000 euros. 

Os gastos subvencionables son os correspondentes ao importe do gasto previsto para a contratación directa polo concello de orquestras que cumpran os requisitos establecidos nestas bases e os gastos previstos como subvencións a comisións organizadoras de festas populares e tradicionais para a contratación de orquestras que cumpran os requisitos establecidos. Entre estes requisitos están que as formacións musicais fagan música en directo, teñan máis de dous anos de antigüidade e unha composición mínima de seis membros, dos que catro deberán ser músicos e tocar algún instrumento. As actividades obxecto deste programa deben realizarse ata o 31 de decembro de 2022, polo que as contratacións das orquestras poderán realizarse dentro deste período. 

A presentación de solicitudes para os concellos permanecerá aberta ata o 30 de xuño.