A Deputación destina algo máis de 2 millóns de euros do Plan Único a financiar obras e servizos en Ames

44

O Plan Único (POS+2022) da Deputación da Coruña incluirá este ano importantes investimentos en Ames, tanto destinados ao financiamento de obras como de gastos sociais para a protección dos colectivos máis vulnerables. O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para “contribuír á reactivación económica, cun investimento moi importante que este ano alcanza os 90 millóns na provincia, mellorar infraestruturas e servizos municipais e dar apoio aos concellos nos seus programas sociais”.

Importante investimento social

O Plan Único achega 2.077.857 euros aos 26 concellos da comarca de Santiago para gastos sociais. Ames será o municipio máis beneficiado no reparto, cunha achega de 157.736€. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que se poden destinar estes fondos.

Obras en Ortoño e Bertamiráns

Dentro do plan os concellos da comarca executarán obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras. No caso concreto de Ames, salientan os investimentos para a rexeneración de espazos deportivos do campo de fútbol de Ortoño (268.155 €) e a reparación da cuberta do pavillón municipal de Bertamiráns (170.758 €).

Ames é un dos poucos concellos da contorna que non dedica fondos do Plan Único a financiar gasto corrente. En total, recibirá 2.176.508,79€, dos cales orientará 33.800,65 á redución da débeda. Os investimentos superarán o millón de euros, e case 950.000 máis irán dentro do POS+Adicional 2/2022.

O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.