A Deputación e Correos asinan un convenio para que se poidan pagar tributos nas oficinas postais

0
37

A partir de agora, Correos pon a disposición a súa rede de 2.370 oficinas distribuídas por toda España para efectuar a través de xiro postal o cumprimento das obrigacións tributarias que se teñan coa Deputación grazas á sinatura dun acordo entre ambos. O acordo foi asinado hoxe entre, por unha banda, o presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, e pola outra o presidente da Deputación da Coruña, Valentín  González Formoso.

Con este servizo de Correos, os cidadáns contan cunha canle áxil e sinxela á hora de cumprir cos seus abonos. Tamén dispoñen dunha maior xanela horaria e mobilidade territorial: só na provincia da Coruña, Correos dispón de 63 oficinas de atención ao público. O pago de tributos é un dos novos servizos cos que Correos pretende facilitar o día a día dos cidadáns independentemente de onde vivan, aproveitando a capilaridade e a cobertura territorial da rede de oficinas.

Ademais de asinar o acordo para o pago de tributos, o presidente de Correos e o presidente da Deputación da Coruña abordaron tamén o proxecto de instalación de caixeiros automáticos nas oficinas de Correos. A compañía postal licitou esta mesma semana os 1.500 caixeiros que prevé instalar ao longo da xeografía española, 300 deles en localidades de menos de 3.000 mil habitantes e que carecen de entidade bancaria. Estes caixeiros de pequenas localidades súmanse aos 20 xa instalados este ano, tres deles nos concellos galegos de Samos, Cenlle e Cortegada.

Juan Manuel Serrano e Valentín González Formoso tamén abordaron dous proxectos en marcha especialmente relevantes para os municipios con menos servizos: a prevista  dixitalización das pequenas oficinas rurais, que lles permitirá ampliar os seus servizos – na Coruña hai 43-; e a ampliación a toda Galicia do proxecto que se está desenvolvendo en Lugo cos carteiros e carteiras rurais, que prestan a domicilio servizos como o envío desde casa de paquetes, o pago de tributos ou a entrega de diñeiro en efectivo co servizo Correos  Cash.

Facilidades para enviar documentos
Seguindo esta liña de colaboración, a Deputación da Coruña formalizou tamén este mes a súa adhesión ao proxecto ORVE de Correos, que facilita o envío de documentos ás administracións.

O servizo, do xa se benefician a administración do Estado, comunidades autónomas, deputacións, entidades locais e outros organismos públicos, permite que calquera persoa poida enviar un documento á Deputación desde unha oficina de Correos, unicamente levando consigo o orixinal que desexa rexistrar.

Os documentos serán transmitidos en formato electrónico despois de ser escaneados polos profesionais de Correos, un proceso que garante a validez da dixitalización. Ademais, a entidade de mensaxería pública está autorizada polo Ministerio de Facenda e Función Pública para enviar documentación por rexistro electrónico, algo que non pode facer calquera empresa de mensaxería.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here