O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción, presentada polo Partido Socialista de Galicia e o BNG, pola que reclama á Xunta de Galicia que dote de máis profesorado aos centros educativos e que recupere o sistema da gratuidade universal dos libros de texto. A iniciativa contou cos votos a favor de socialistas, nacionalistas, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o único voto en contra do Partido Popular.
“O profesorado afronta un reto fundamental que require todo o apoio e axuda da Xunta pero a resposta da Consellería de Educación é novamente a de facer recortes: peche ou agrupamento de aulas, perda de profesorado de apoio ao alumnado vulnerable, aumento das ratios do alumnado, redución da oferta educativa ou a implantación de novos módulos de FP sen especialistas”, destaca.
Segundo a moción, “os continuos recortes na educación pública están a xerar un incremento da desigualdade social e constitúen unha perda irreparable da igualdade de oportunidades, os datos din que hoxe temos unha educación peor en Galicia que hai 10 anos”.
Por iso, o pleno da Deputación esixe á Xunta de Galicia que “cumpra coas súas obrigas e responsabilidades no ámbito educativo, dispoñendo dos medios materiais e persoais e dos recursos económicos que sexan precisos para garantir a prestación e o acceso ao servizo público esencial da educación; recupere o sistema de gratuidade universal dos libros de texto” e, por último, “faga público o destino dos fondos extraordinarios para a educación procedentes tanto da Unión Europea como tamén do Estado e tamén dos novos fondos anunciados para a adaptación climática das infraestruturas educativas”.
A trevés dunha moción de PSOE e BNG, a Deputación comprométese a transmitir ao Parlamento Europeo, aos grupos parlamentarios nel presentes e a DG Mare e Comisión Europea “o seu rexeitamento ás propostas que leven á minoración ou eliminación de emprego de artes de fondo; a necesidade de elaborar todos os estudos necesarios antes de tomar ningunha decisión ao respecto; que as recomendacións científicas dispoñibles expoñen unha extensión desmesurada das áreas xeográficas a protexer e, por último, que debe considerarse unha gradación e tratamento de acordo coas diferentes artes de pesca”.
A iniciativa da Marea Atlántica tamén se aprobou por maioría instar á Xunta de Galicia a deseñar, en colaboración cos concellos e os axentes sociais implicados (sindicatos agrarios, comunidades de propietarios, universidades) un plan sectorial para o monte galego que contemple as necesarias medidas de ordenación, planificación e custodia do territorio, baseado na prevención do lume, nos aproveitamentos mixtos e na promoción de especies autóctonas.