A Deputación esixe á Xunta repoñer  as paradas e liñas de bus interurbano suprimidas e a gratuidade do transporte  de Bacharelato e Secundaria

142

A Deputación da Coruña esixe á Xunta repoñer  as paradas e liñas de autobús interurbano suprimidas e a implantar a gratuidade do transporte escolar para o alumnado de Bacharelato e Secundaria. 

A moción presentada polo PSdeG- PSOE e o BNG no pleno de xullo en defensa de melloras na prestación do servizo de transporte interurbano foi aprobada cos votos a favor de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular. 

A moción manifesta a urxencia de adoptar as medidas necesarias para acadar o correcto cumprimento do servizo de trasporte interurbano tal e como establece o prego licitado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. 

Ademais, esixe  repoñer  as paradas e liñas suprimidas e implantar a gratuidade para o alumnado de Bacharelato e Secundaria na ruta de traslado do seu domicilio ao centro escolar independentemente do seu lugar de residencia, “por tratarse de menores que vén reducidos os dereitos de protección e non discriminación”. A moción aprobada insta tamén á Xunta de Galicia a corrixir os pregos de contratación para que realice os cambios precisos de xeito que se de unha resposta axeitada ás demandas da cidadanía.

Segundo a moción aprobada, son numerosas as queixas, ao longo de todo o territorio galego, de usuarios e usuarias, así como de colectivos e concellos no relativo ao funcionamento do servicio público de transporte por estrada: atrasos e reducións de frecuencias horarias, supresión de servizos sen previo aviso, falla de publicidade de horarios, falta de prazas nos autobuses, anuncios de melloras incumpridas.

A Deputación denuncia que as liñas regulares do transporte interurbano, cuxa responsabilidade é da Dirección Xeral de Mobilidade ao que os concellos fan unha achega económica, deixan sen servizo a centos de usuarios, tamén nos centros escolares, unha gravísima situación que supón deixar aos menores sos nas paradas e sen servizo de transporte escolar, como consta que ten acontecido.

Ademais, coa implantación das liñas integradas no servizo de transporte que empregan alumnado e pasaxeiros non estudantes, estase a esixir o pago ao alumnado de bacharelato dos viaxes realizados para acudir ao seu centro escolar. Isto significa que se cercena o acceso a educación das/dos menores, polo que a moción esixe que transporte do alumnado de bacharelato debe ser gratuíto e non se Ile deben por trabas económicas que condicionen a posibilidade de continuar cos seus estudos.