A Deputación da Coruña destinará 52.000 euros para financiar o proxecto de acondicionamento e mellora térmica da cuberta e das fachadas da escola infantil ‘O Bosque’ de Bertamiráns, no Concello de Ames.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, Blas García, asinaron o convenio para o financiamento das obras polo que a Deputación aportará 52.000 euros, o que supón o 65,8% do orzamento total de 78.920,4 euros.
Este proxecto permitirá mellorar unhas instalacións que contan con 3 aulas destinadas a nenos e nenas de 1 a 2 anos, que dan servizo a uns 39 usuarios e que teñen dormitorio, baño… pero non poden utilizarse a pleno rendemento polas deficiencias actuais. Coas obras de reparación e mellora da cuberta e fachadas conseguirase unha instalación acorde á súa demanda e unha redución dos custes de mantemento polo menor consumo enerxético.
González Formoso, destacou “o gran crecemento de poboación que experimentou Ames nos últimos anos, o que fai necesario actualizar os seus equipamentos e os servizos para responder ás necesidades da veciñanza”.
Pola súa banda, Blas García agradeceu o apoio da Deputación xa que “hai unha gran demanda de prazas de gardería e a escola infantil ‘O Bosque’ de Bertamiráns necesita de xeito urxente desta renovación”.