A Deputación insta á Xunta de Galicia a mellorar o financiamento dos concellos

131

O pleno da Deputación da Coruña instou hoxe, venres 28 de outubro, á Xunta de Galicia a que cumpra co Pacto e o Fondo de Cooperación Local e o faga de xeito urxente ante a situación de “crise inflacionista global” que tamén está a afectar “moi directamente ás administracións públicas locais”.

“Pedimos unha mostra de sensibilidade da Xunta con respecto aos concellos, non pode ser que se gasten máis fondos en pagar a débeda ou en concertos do Xacobeo que en financiar aos concellos cunha partida que leva dez anos conxelada”, afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

Na moción, presentada polo PSdeG e o BNG, e apoiada por todos os grupos políticos agás o PP, alértase de que as administracións locais “están a sufrir un incremento dos custos aos que teñen que facer fronte, tanto nos investimentos como tamén no gasto corrente, minorando os recursos destinados a atender as necesidades da veciñanza” e sinálase que “nestes anos o goberno autonómico ven incumprindo os acordos incluídos no Pacto Local, desatendendo as peticións da FEGAMP, ignorando as necesidades das entidades locais e sobrecargando aos concellos con competencias impropias sen dotalos dos recursos precisos”.

Unha década co Fondo  de Cooperación Local conxelado

O texto destaca que “no proxecto de orzamentos da Xunta para 2023 mantense para o Fondo de Cooperación Local a partida base, que leva dez anos conxelada en 113 millóns de euros, mentres duplica a adicional, que pasa de 12,9 a case 30,5 millóns de euros”. “É sabido que este fondo adicional corresponde a gastos condicionados que se refíren a competencias que non son municipais, senón que son propias da comunidade autónoma como a retirada de niños de velutina, gastos de centros educativos, sanitarios e penitenciarios, etc”, sinalan.

Por iso, e porque “no medio dunha crise inflacionista como a actual, a Xunta de Galicia ten que recoñecer as especiais dificultades que están a padecer os concellos”, ademais de porque existe unha “necesidade de abordar unha actualización da Lei das Facendas Locais que permita aos concellos asumir o custe real da oferta de servizos públicos que demandan os galegos e as galegas”, a Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a: “que respecte o Pacto Local, así como todos os acordos firmados coa FEGAMP e as entidades locais; que comece a elaborar unha Lei autonómica de participación das entidades locais nos ingresos da Comunidade Autónoma; e, por último, que mentres non se aproba incremente a contía do Fondo de Cooperación Local nos orzamentos para o ano 2023”.

Outras mocións

O pleno rexeitou a moción do PP instando á Deputación a creación e mellora de parques infantís nos concellos da provincia. Os portavoces de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños votaron contra a moción e udefenderon que os plans finalistas de investimentos (para parques infantís, piscinas…) atentan contra a autonomía local que outorga aos concellos o Plan Único, ao permitir que sexan os propios municipios os que decidan as súas prioridades de investimento.

Os parques infantís son unha  das obras que os propios concellos planifican a financian con cargo ao Plan Único. En concreto, o Plan Único financiou 86 obras de construción e mellora de parques nos últimos cinco anos cun investimento de máis de 8 millóns de euros.

No pleno aprobouse por unanimidade a moción de Marea Atlántica solicitando ampliación e melloras na estrada DP-0205 en Teo. “Existe a vontade de executar esas melloras e o borrador do proxecto está redactado, estamos á espera de que o Concello de Teo nos notifique si opta polo proxecto de humanización, que requiría de facer unha variante, ou simplemente se amañe a estrada actual. Se opta pola variante, o Concello ten que indicarnos onde empeza e onde acaba”, aclarou o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández.