A Deputación leva a pleno a construción dunha senda peonil en Biduído

116

A Deputación da Coruña leva ao pleno do venres, 26 de maio, a aprobación definitiva das obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Biduído cun investimento de 133.896 euros.

A actuación proxectada está encamiñada á creación dun itinerario peonil continuo e segregado cunha lonxitude de 328 metros e 2 metros de ancho. O pavimento estará composto de 20 cm de xabre e 15 cm de formigón desactivado para deixar o árido descuberto.

Tamén se creará unha pequena superficie para facilitar o estacionamento de vehículos entre a senda e a estrada, empregando xabre e formigón con mallazo.

No treito de senda que discorre entre o acceso á igrexa e a súa conexión coa beiravía da estrada acondicionarase o recheo con terra vexetal e a plantación de céspede. A restauración do vexetal dos noiros resultantes do movemento de terras realizarase mediante hidrosementeira.

Para a rede de drenaxe empregarase canalización soterrada de PVC, pozos de rexistro e sumidoiros. No extremo exterior da senda disporase un bordo de delimitación para o encanamento da escorrentía superficial. Será preciso executar a ampliación dunha obra de drenaxe con tubo de formigón armado, arqueta para colector con reixa e embocadura e aletas con encachado de pedra e a cuberta dunha obra de drenaxe mediante unha arqueta de tres parámetros.

As actuacións completaranse coa colocación dunha varanda modular en aceiro inoxidable para a contención dos peóns e 4 bancos formados por dous dados de pedra granítica e asento en listóns de madeira.