A Deputación rexeita o “eu invito e ti pagas” da Lei Galega do Ciclo da Auga da Xunta

161

A Deputación da Coruña rexeita o contido da nova Lei Galega do Ciclo da Auga, aprobada de maneira unilateral polo Partido Popular en detrimento dos intereses das entidades locais, que terán que financiar dous terzos do custe das infraestruturas destinadas a almacenar, potabilizar, abastecer e depurar auga, mentres que Augas de Galicia, a entidade autonómica competente na materia, so financiará un terzo.

“É un modelo no que a Xunta invita e os concellos pagan, aprobada unilateralmente polo Partido Popular en detrimento dos intereses das entidades locais”, afirman todos os partidos do Pleno da Deputación a excepción do PP que rexeitou a moción conxunta dos demáis grupos presentada no Pleno.

A devandita moción afirma que é un xeito de lexislar de forma coercitiva “influíndo directamente na forma en que cada concello debe prestar os servizos públicos da súa competencia”. Isto tradúcese, segundo o texto da moción, en auténticas “axudas selectivas a un ou outro concello por razóns meramente administrativas” (se delegan ou non en Augas de Galicia), o que supón unha discriminación previa dos concellos que están excluídos e, polo tanto, da súa cidadanía.

A Deputación recrimina á Xunta que presuma de investir  1.100 millóns de euros en infraestruturas relacionadas co ciclo integral da auga, sen revelar que o financiamento desas infraestruturas veu fundamentalmente de fondos europeos, “fondos aos que a maioría dos concellos galegos non poden optar individualmente”. Critica ademais que eses investimentos non responderan a un Plan Estratéxico que contemplase as infraestruturas, os territorios, as contías, o financiamento nin as datas de execución, respondendo só ao criterio da propia consellería, mermando a autonomía local.

Neste sentido, a Deputación insta á Xunta a elaborar un Plan Estratéxico consensuado coa FEGAMP que contemple as infraestruturas, o territorio, e o financiamento e as datas de execución das obras e arbitrar as fórmulas necesarias para optar aos fondos Next Generation-EU habilitados para este tipo de infraestruturas de saneamento, depuración e abastecemento de auga.