A Escola Municipal de Música de Ames anuncia prazas libres

300

A partir de hoxe e ata cubrir prazas, está aberta a inscripción na EMMA, a Escola Municipal de Música de Ames, para novo alumnado que queira cursar as disciplinas de música e movemento, batería e percusión, violín e viola, frauta traveseira e canto moderno. As novas alumnas e alumnos incorporaranse ás clases na semana do 10 de xaneiro, nas instalacións do Edificio Multiusos de Aldea Nova. Para poder optar ás prazas é requisito indispensable estar empadroado no concello de Ames e presentar o formulario de inscrición, a través da sede electrónica do concello ou  presencialmente nos rexistros municipais, para os que se pode pedir cita previa.

Por unha banda, as clases de música e movemento, dirixidas á rapazada dos catro aos sete anos, teñen dúas prazas vacantes. Neste caso, queda un oco no grupo de nados no 2015 e outro no de 2017. Por outra banda, están dispoñibles ata once prazas nas especialidades instrumentais ou vocais, que cursan rapaces e rapazas a partir dos sete anos. Quedan libres tres en batería e percusión; dúas no grupo de violín e viola; dúas en canto moderno e catro en frauta traveseira, facendo así unha oferta total de 13 prazas vacantes.

O documento para formalizar a solicitude inclúe catro impresos, que deben entregarse cumprimentados na sede electrónica do concello de Ames, ou ben de maneira presencial nos rexistros municipais. A solicitude de inscrición debe incluír os datos do alumno ou alumna; autorización de nai, pai ou persoa titora (no caso de menores de idade); cursos escollidos e bonificacións xustificadas; domiciliación bancaria e autorización de uso da imaxe. A adxudicación das prazas realizarase por orde de rexistro de entrada das solicitudes. Para o reparto das vacantes terase en conta a primeira especialidade seleccionada, pasando á lista de agarda no caso de non obter praza, e entrando na lista de reserva da segunda especialidade cando esta se esgote. Dende a propia EMMA poranse en contacto coas persoas que obteñan praza, para así formalizar a matrícula.

Para máis información sobre este novo período de inscrición, pódese chamar ao teléfono 981 535 940, escribir un correo ao enderezo escolademusica@concellodeames.gal ou asistir presencialmente á Casa da Cultura do Milladoiro, de 9:00 a 14:00 horas.