A exposición Pacto Verde Europeo chega a Ames

219

A mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, chega ao concello de Ames o día 6 de maio, onde poderá visitarse durante dúas semanas na Travesía do Porto. A cidadanía poderá achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa o día 10 de maio. Ese mesmo día, ás 12.30 horas, o deputado Antonio Leira acudirá ao acto de inauguración da exposición.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

A Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente do Concello de Ames encargouse de xestionar esta actividade coa Deputación da Coruña. A mostra está realizada con materiais reciclados e reutilizables. Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331. Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web:
https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/exposicion-itinerante-pacto-verde-europeo/