A hostalería, ata as 21h

349
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico de expertos sanitarios. Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, 17/03/21.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe as novas medidas acordadas polo comité clínico de expertos sanitarios, entre as que destacou as relacionadas cos horarios e aforos da hostalería, así como ás relacionadas coas reunións de non conviventes.

Logo de precisar que, todas as decisións acordadas polo comité clínico estrarán en vigor a partir deste venres 19 de marzo e serán revisadas antes dos festivos de Semana Santa, Feijóo aseverou que a prudencia seguirá guiando o proceso de apertura.

Deste xeito, destacou que, nos municipios con maior risco -cunha incidencia acumulada a 14 días por riba de 500 casos-, mantéñense as restricións ata agora vixentes, é dicir: a hostalaría seguirá pechada; non poderá haber reunións de non conviventes en ningún ámbito; e, salvo excepcións xustificadas, non se permitirá a mobilidade fóra destes concellos, que si esta permitida nos niveis restantes.

Cómpre salientar que, agora mesmo, só tres concellos se atopan neste nivel de máxima restrición: Vilardevós, Paradela e Maside.

No tocante ao segundo nivel -aqueles concellos cunha incidencia a 14 días entre 250 e 500-, Feijóo precisou que nel atópanse un total de seis municipios: Sobrado, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo, nos que se mantén o criterio de que a hostalería só pode abrir terrazas, co mesmo aforo do 50% de ocupación máxima, pero cun horario ampliado ata as 21 horas, fronte ao límite das 18 horas que había ata a actualidade.

Para os concellos do terceiro nivel -cunha incidencia a 14 días entre 150 e 250-, no que se atopan, neste momento 14 municipios -Boimorto, A Coruña, Culleredo, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño, Bergondo, Laxe, Chantada, Guitiriz, Pantón, Sober, Soutomaior e Coles-, nos que reside o 12,4% da poboación: na hostalería mantense o aforo do 30% no interior e do 50 % nas terrazas; e o horario límite de peche tamén pasa das 18 h ás 21 h.

Finalmente, nos 290 dos concellos restantes, nos que a incidencia é inferior a 150 casos por 100.000 habitantes, nos últimos 14 días, e onde reside o 85,6% da poboación: ampliase o aforo da hostalería do 30 ao 50% no interior; nas terrazas sube o aforo do 50 ao 75%; e o horario límite de peche pasa das 18 ás 21 horas.

Así mesmo, Feijóo asegurou que, en consonancia coa revisión feita, outras actividades terán tamén unha actualización nos aforos, que en ningún caso superarán o 50%. “Estoume a referir a instalacións deportivas, centros culturais ou lugares de culto”, precisou.

Por outra banda, e seguindo as obrigas e recomendacións acordadas a nivel estatal no Consello Interterterritorial de Saúde, Feijóo salientou que Galicia continuará pechada perimetralmente, de tal xeito que só se permitirá entrar e saír da comunidade nas excepcións establecidas.

O toque de queda permanecerá nas 22 horas e as reunións estarán limitadas a seis persoas no exterior e a catro no interior, estando prohibidas as reunións de non conviventes nos domicilios.

O presidente da Xunta concluíu mandando unha mensaxe de prudencia e agradecendo, unha vez máis, o esforzo que están a facer todos os galegos. “Temos que seguir actuando con sentidiño, dando pasos adiante na apertura de xeito gradual, prudente e comedido”, dixo, coa previsión de, a finais de mes, analizar de novo a situación para, á vista da evolución da pandemia, seguir adoptando decisións.