A Hostalería, preocupada polo peche do lecer nocturno

319

A Asociación Hostalaría Compostela amosouse hoxe “moi preocupada polas últimas medidas anunciadas polo Ministerio de Sanidade para combater a pandemia da Covid-19″. O Goberno decretou o peche de discotecas, salas de baile e bares de copas en toda España, así como a obriga de pechar todos os locais como máximo á 1 da madrugada. “Lamentamos que non se nos informara previamente das causas da toma desta decisión”, sinalan na Xunta Directiva.

O sector considera que este tipo de medidas non poden prolongarse no tempo sen unha alternativa de ocio nocturno para a poboación e advirte que esta situación pode levar a optar por outro tipo de xuntanzas en espazos privados onde non hai ningún tipo de control, como si que se estaban a levar a cabo no interior de bares de copas e discotecas (control de aforo, distancia de seguridade, uso da máscara…).

Estes peches súmanse á prohibición de fumar nas terrazas se non se pode manter unha distancia de 2 metros, unha norma que dificulta aínda máis o traballo nos bares, pois ata agora podíanse colocar as mesas a 1,5 metros. Iso, unido á obriga de usar a máscara a excepción do momento do consumo, están creando moita confusión entre a clientela, que cada vez máis decide quedar na casa por medo a ser multada.

A entidade reclama á Administración a busca dun equilibrio entre a seguridade sanitaria, tanto dos clientes como dos traballadores, e o mantemento dos negocios dun sector do que viven milleiros de familias e do que dependen moitas outras empresas provedoras e distribuidoras.

Por último, Hostalaría Compostela fai un chamamento unha vez máis á responsabilidade individual e á realización de probas PCR de xeito indiscriminado como máximo garante da contención do virus.