A infancia xa ten voz de seu en Ames

239

O Consello Sectorial de Nenas e Nenos vén de botar a andar. A entidade que representará á infancia amesá constituíuse na tarde do mércores, 23 de novembro. Asistiron 44 nenas e nenos dos distintos centros do municipio. A xuntanza celebrouse no Salón de Plenos da Casa do Concello de Bertamiráns. As nenas e nenos asistentes foron informados sobre o regulamento, as funcións dos vogais e os obxectivos deste órgano. A sesión serviu para tomar acordos relativos á organización e a periodicidade das xuntanzas. É salientable como a cativada demostrou a súa capacidade de dialogar, preguntar e presentar propostas.

Tanto o alcalde de Ames, Blas García, como a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, destacaron “o espírito participativo” da rapazada e as coincidencias en “temas medioambientais e convivencia cidadá”.

A creación do Consello Sectorial de Nenas e Nenos e o seu regulamento foron aprobados por unanimidade dos grupos municipais nos plenos ordinarios de setembro e outubro, respectivamente. A rapazada escollida para actuar como representantes dos nenos e nenas do concello foi suxerida directamente polos centros escolares públicos de Ames.

Ademais das 44 nenas e nenos representantes, asistiron á constitución do órgano de participación o alcalde de Ames e Presidente do Consello, Blas García; o coordinador de Voluntariado e Secretario do Consello, Rubén Ramos, e catro Vogais en representación dos grupos municipais: Quique Costas, do Grupo Mixto; Genma Otero, de Contigo Podemos; David Santomil, do BNG, e Luísa Feijóo, do PSdeG-PSOE.

O máis destacable da xornada foi “a coincidencia en temas medioambientais e de convivencia cidadá”, nunha xuntanza da que saíron “dúas propostas fantásticas”, segundo a concelleira Luísa Feijóo. Neste senso, a rapazada suxeriu unha campaña de limpeza dos montes e outra de sensibilización e tenencia responsable de animais de compañía, con atención especial na recollida de excrementos de cans.