A licitación a construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro

264

A Xunta de Goberno local amesá aprobou o pasado xoves o expediente de licitación para a obra de construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro. A infraestrutura diríxise á mocidade e persoas en risco de exclusión social.

O centro construirase na avenida Muíño Vello, utilizando unha parcela de case 4.700 metros cadrados. Contará co edificio, zonas verdes e parking. Entre os obxectivos do proxecto está a creación de oferta de servizos e equipamentos para a mocidade, a xeración de dinamismo económico, o desenvolvemento dunha cultura emprendedora e asociativa, o fomento da cohesión social e a loita pola erradicación da pobreza. Neste sentido, dende o Concello lembran que a estratexia EDUSI impulsa Ames procura asegurar “a ancoraxe das persoas mozas mediante a creación de servizos e equipamentos específicos, acordes cos seus intereses e necesidades”.

O novo edificio será xa que logo un centro dinámico, social e cultural para a comunidade, que procura afianzar o sentido de barrio e facilitar a lectura, a aprendizaxe, o lecer e as actividades comunitarias. Para o alcalde, Blas García, “este proxecto vai significar un antes e un despois para o Milladoiro, xa que este edificio achega unha funcionalidade importante e necesaria para este núcleo”. Tamén adianta o rexedor que a zona escollida se beneficiará da nova infraestrutura, converténdose “no centro dos servizos e actividades de ocio, lecer e formación do Milladoiro”.

A construción estará cofinanciada pola UE por medio do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER, )cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames.