A licitación as obras nas pistas municipais de Montemaior a Cortegada e de Covas por 59.000 euros

137

As melloras realizaranse en dous lotes, que se corresponden ás dúas áreas de actuación nas parroquias da Ameixenda e de Covas. Por unha banda, no viario de Montemaior a Cortegada preténdese a ampliación dos 465 metros da pista, aumentando 50 centímetros a cada marxe ao abrir o terreo e cubrilo con capas de saburra, pedra e pavimento. Ademais, na superficie actual xa asfaltada reformarase a capa de rodaxe e repararanse as fochancas. Esta parte da obra, que conta cun orzamento de 36.895,89 euros, rematarase coa sinalización horizontal e a colocación dun sinal de stop.

Por outra parte, o segundo lote inclúe unha serie de tres treitos de 1.030 metros en Covas, cun orzamento de 22.040,79 euros. No primeiro treito, xa asfaltado, repararanse as fochancas, perfilaranse as mordentes e aplicarase tratamento asfáltico e de selado. Nos outros dous, pavimentados con saburra, procederase á apertura de caixa e á reposición do pavimento cunha nova capa de saburra artificial. Ademais, no entronque do terceiro treito empregarase un pavimento de 15 centímetros de pedra. Finalmente, colocaranse dous sinais de stop.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou a importancia de “dotar de servizos ao rural para conseguir fixar poboación e facer que os nosos núcleos sexa lugares atractivos para vivir”. “Está máis que demostrado o compromiso deste Goberno co rural amesán, para o que vimos traballando e mellorando nos últimos anos cun investimento superior aos dous millóns de euros en obras de pavimentacións, e ao que hai que sumar o millón e medio de euros no plan de mellora do alumeado público”.