O acto institucional do Día de Galicia do Concello de Ames homenaxea este ano á matemática galega María Victoria Otero Espinar, que recibirá a medalla do Concello de Ames, ao igual que o fixeron en edicións anteriores Ángel Carracedo, Filomena Fraga, Maximino Viaño ou Ramón Lorenzo. A catedrática de Análise Matemático na Universidade de Santiago de Compostela estará acompañada por familia e amizades nunha celebración que se desenvolveuno Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 29 de xullo.
María Victoria Otero Espinar (Lugo, 1962) é unha prestixiosa e recoñecida matemática galega. É licenciada en Matemáticas pola USC e doutora en Matemáticas dende o ano 1992, nunha universidade coa que está vinculada dende 1986, realizando labores de investigación e ocupando varios postos docentes. Neste senso, é catedrática de Análise Matemático dende 2009 e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española, ademais de ter experiencia en xestión e administración educativa, como decana da Facultade de Matemáticas, vicerreitora de Titulacións ou presidenta do Colexio de Decanos da USC. Na actualidade, é profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, e forma parte do Grupo de Investigación en Matemáticas.
Neste ámbito investigador, ten realizado visitas en numerosos centros e laboratorios de prestixio, como Laboratoire de Mathématiques (Université de Nice), King’s College (University of Cambridge), Mathematics Institute (University of Warwick), Universidade de Lisboa, Universidade do Porto ou a Universidade Autónoma de Barcelona, entre outros. As súas liñas de actuación enmárcanse no campo das Ecuacións Diferenciais e en Diferenzas, Sistemas Dinámicos e Biomatemática. É autora de máis de 50 publicacións en revistas especializadas ás que se suman ademais as derivadas de congresos e estudos relacionados coas Matemáticas.
Otero Espinar foi a protagonista dun acto do Día de Galicia que contou coa música do grupo As Lens e as intervencións das súas achegadas e achegados, das voceiras e voceiros dos grupos políticos da Corporación municipal, e do alcalde de Ames, Blas García, que se reuniu coa matemática esa mesma semana na Casa do Concello.
O rexedor municipal, Blas García, destacou que se lle outorga “a medalla do Concello de Ames a María Victoria Otero Espinar pola súa traxectoria académica e no ámbito da investigación”. As súas liñas de actuación enmárcanse no campo das Ecuacións Diferenciais e en Diferenzas, Sistemas Dinámicos e Biomatemática.
Por outra banda, a concelleira de Cultura, Natividade González, tamén destaca a figura de María Victoria Otero Espinar e reivindica “a importancia de festexar o Día de Galicia en Ames cun acto no que participan os partidos políticos con representación na Corporación municipal” e ao que tamén estivo convidada toda a veciñanza de Ames. É un día para celebrar a importancia de ser galegas e galegos e para festexar.