A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, participou no Milladoiro nun encontro co tecido empresarial e co almunado de tres centros educativos

46

A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, foi recibida polo alcalde, pola concelleira de Promoción Económica e unha ampla representación dos concelleiros e concelleiras que forman parte da Corporación municipal, na visita que fixo este xoves, 25 de maio, ao centro coworking Espazo A Proa, no Milladoiro. A ministra, que estivo acompañada da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, participou nun encontro coas empresas amesás do sector da comunicación, innovación, tecnolóxico e audiovisual. Tamén conversou co alumnado e profesorado dos colexios que gañaron o concurso de Innovames 2022 para proxectos educativos innovadores (CEIP Barouta, CEIP Agro do Muíño e IES do Milladoiro).

A ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, destacou que Ames é un dos 90 municipios de toda España que forma parte da Red Innpulsa. Dos 8.131 municipios que existen en España tan só 90 teñen este recoñecemento, polo que lle deu as gracias ao alcalde amesán por apostar pola ciencia e a innovación porque xeran progreso. Ademais, explicou que o sector da ciencia e innovación está medrando e que na actualidade xa está xerando un de cada catro novos empregos que se crean en España. Un 25% dos novos empregos están relacionados coa ciencia e a innovación.

Tamén avanzou que estivo tratando co rexedor municipal a posibilidade de establecer un punto informativo no coworking A Proa sobre as axudas do CDTI, que é unha entidade pública empresarial, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, que promove a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das empresas españolas. É a entidade que canaliza as solicitudes de axuda e apoio aos proxectos de I+D+i de empresas españolas nos ámbitos estatal e internacional.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que o encontro coa ministra de Ciencia e Innovación realizámolo no espazo colaborativo A Proa porque “é un centro referente que temos en Ames para proxectos de tecnoloxía e relacionados co audiovisual. Este centro conta con 36 postos de traballo, dos cales na actualidade están ocupados 23. Chegamos a ter 30 espazos ocupados. A través deste centro tratamos de darlle un impulso aos emprendedores/as que precisan un espazo onde comezar a  emprender o seu proxecto”. Tamén dixo que Ames conta cun parque empresarial no Milladoiro cun polo tecnolóxico, de comunicación e audiovisual moi importante, con empresas que son punteiras a nivel mundial.