A mostra ‘Punto e seguido’ reflicte a realidade cotiá do dano cerebral

0
58

A exposición ‘Punto e seguido’ achega a Ames a realidade do dano cerebral coincidindo co mes de conmemoración. As asociacións da Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) colaboran nunha mostra que reflicte a cotidianeidade das persoas que sofren esta doenza. A exposición está aberta ao público ata este xoves, día 7, na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de mañá (9h a 14h). Despois poderá visitarse ata o 14 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

A mostra comprende fotografías do compostelán Aigi Boga que foron realizadas nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer -a entidade ourensá- e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo craneoencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou sete de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, así como familias e profesionais das entidades. Os vídeos tratan un completo mapa da complexidade de secuelas do dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

Colaboración municipal
A organización desta exposición conta coa colaboración do Concello de Ames e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, asegura que esta mostra “axuda a moitas familias a atopar un espazo de axuda e de comprensión que mitiga en certa medida as eivas desta terrible doenza”.


DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here