“A pandemia disparou as compras por internet e as estafas telemáticas”

289

Os delitos telemáticos non deixan de medrar en toda España, cunha variación interanual que se achega ao 20%. A resposta foi a recente creación dos Equipos @ da Garda Civil, especializados nunha problemática que está a causar grande alarma social. O Milladoiro acolle unha das dúas sedes deste corpo a nivel provincial, situándose a outra na Coruña.

Dende o posto amesán confirman que o fenómeno das estafas telemáticas é crecente e que se viu reforzado pola pandemia, cando a poboación se afixo á compra online, a acceder por internet dende a casa para adquirir todo tipo de produtos e servizos. “Coa pandemia medrou a facilidade que ten o autor do delito para realizar unha estafa”, explican. Agora é máis simple ca nunca publicar un anuncio e agardar a que unha vítima pique e caia no engano. É un tipo de delincuencia máis especializado, evolucionado, que procura estafas moi complexas. Advirten, iso si, de que segue a haber estafas moi chafalleiras nas que, porén, a xente segue a caer.

“A persoa que comete estes delitos adoita formar parte dunha banda organizada, que ás veces opera dende fóra de España e ten aquí o que se coñece como ‘mula económica’, unha persoa que pon o seu DNI para abrir unha conta española na que a persoa estafada ingrese os seus cartos”. De aí a poucos minutos, “os cartos saen para fóra de España, sexa outra conta ou, en moitos casos, pasados a criptomoedas, mentres a mula queda cun 15% do estafado, aproximadamente”, engaden dende o corpo de seguridade.

Unha estafa que comeza a ser moi corrente, e da cal xa houbo sobre cinco casos en Ames durante 2021, é aquela que envolve a autónomos e empresas que reciben unha factura falsa que parece provir dun provedor co que realmente traballan. “Ti tes unha tenda e chégache unha factura da cristalería por un servizo que realmente che prestaron, pero que non son eles quen cha están enviando”, poñen como exemplo. Neste caso, a vítima “fai a transferencia a unha conta que non é a do seu provedor e de alí a uns días, cando recibe a chamada do provedor reclamando os cartos atrasados, decátase de que non sabe a quen llos pagou en realidade”. Este tipo de delitos prexudica a dous negocios distintos, xa que logo. E a Garda Civil adoita “chegar tarde á investigación porque nese momento igual xa pasaron dez días”. Aínda así, este ano xa recuperaron, integramente, os cartos en tres deses casos. 

Cando se fala de vítimas de estafas telemáticas adoita pensarse en persoas maiores que non se desenvolven con internet. Pero dende a Garda Civil son rotundos ao advertir de que “hai de todo”. “Poden estafar a un avó de 80 anos e a unha persoa nova que saiba moito da informática”, engaden. E advirten de que “a través de internet -instagram, facebook, tiktok…- pode rastrearse toda a nosa identidade dixital para personalizar unha estafa, ou para desenvolver estafas xenéricas orientadas a moita xente”. De feito, as estafas personalizadas son un delito corrente dirixido contra a persoas con moitos recursos económicos, que fagan que pague a pena o esforzo por parte do estafador para adaptar a estafa.

Sinais de alarma

O Equipo @ advirte dunha serie de indicios de alarma que poden axudar a non caer nunha destas estafas.  “Raramente existen as gangas”, alertan, pedindo tamén que se atenda ás pasarelas de pagamento que se utilizan e non contestar ás SMS dubidosas. “Sobre todo, hai que lembrar que o banco nunca pide nada por email ou mensaxe. Aínda hai xente que se queixa por ter caído nunha estafa deste tipo, e ante calquera dúbida é mellor ir preguntar á oficina, porque ningún banco che vai bloquear a conta sen máis”.

Precisamente, moitas persoas afectadas comparten unha queixa sobre a celeridade dos bancos para pechar as fendas de seguridade, especialmente cando o cliente alerta dun intento de estafa. Para a Garda Civil, é primordial, por iso, non facilitar xamais as chaves a persoas que chaman por teléfono.

Novas e vellas estafas

A proliferación de plataformas e servizos de compravenda e transferencia económica multiplica as posibilidades de estafa. No caso de Bizum, é corrente que a persoa non se fixe se está a pagar ou a recibir cando acepta a transacción dun descoñecido. Outro clásico son as membresías en páxinas web que se avisan ao final de todo, por un servizo moi caro que se renova case sen que a vítima se decate, ao introducir os seus datos. Neste caso, por riba, “non hai nada ilegal: hai que ler as condicións”, lembran dende o Equipo @.

Outra estafa xa frecuente, con cantidades de miles de euros, é a de persoas novas que compran criptomoedas en webs que se fan pasar por paxinas de trading de criptomoeda. O estafado descobre que as súas teóricas ganancias non son tal cando xa leva varios miles de euros investidos. Ás veces aínda lle reclaman outro pagamento para poder sacar os inexistentes beneficios. Neste tipo de estafas entran contas de países do leste como Lituania ou Polonia. E a Garda Civil alerta da sofisticación destas páxinas, que enganan ao usuario co seu aspecto e linguaxe.

E aínda neste 2021 perviven os clásicos, como a moza rusa ou o príncipe nixeriano. Incluso algún case cinematográfico, coma o do teórico soldado americano en zona de guerra que precisa axuda para retirar un botín. “Nunha ocasión investigamos unha estafa cunha identidade de neurocirurxián londinense, e o señor realmente existía aínda que non tiña nada que ver coa estafa”, contan. As comisións rogatorias internacionais e as comunicacións con Europol son o que queda nestes casos.

Denunciar axiña

Dende a Garda Civil teñen claro que “sempre se debe denunciar”. Aínda que o grao do delite cambie segundo a cantidade económica estafada, a resposta dos investigadores sempre será a mesma. “Aínda que unha persoa sexa vítima dunha pequena estafa debe denunciar, e facelo axiña”. Moitos estafadores mantéñense sempre en cantidades lixeiramente inferiores aos 400 euros, pero se se consegue unir todas as súas denuncias para que lle sexa imputable un delito continuado, pódese actuar con contundencia. “O estafador sabe que por menos de 400 euros a pena é menor, pero podemos conseguir que sexa maior se demostramos que levou a cabo quince estafas distintas por valor de 380 euros cada unha”, explican dende o Equipo @ do Milladoiro.

O problema destes entramados é o difícil que pode chegar a ser recuperar os cartos. A Garda Civil segue a ruta do diñeiro para atopar o destino, pero é moi difícil recuperalo. O máis doado é cando se denuncia axiña, por iso os estafadores adoitan dilatar os tempos para ter tempo de retirar os cartos ou pasalos a criptomoeda. “Denuncien axiña cando sospeiten unha estafa”, piden dende o Equipo @.

O ‘phishing’ deixa ducias de afectados por toda Galicia

Chámase phishing a unha suplantación da identidade do banco ou plataforma de pagamento, ou rede social, que ten como obxectivo acceder ás chaves do usuario para retirar cartos da súa conta. Dende o despacho de avogados Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores, radicado na Coruña, están a colaborar con ducias de persoas afectadas por toda Galicia para agrupar baixo unha única dirección letrada a maior parte dos afectados. O phishing afectou a un grande número de clientes de ABANCA durante o verán de 2021. Esta práctica levou a estas persoas a perder importes en ocasións superiores aos 150.000 euros ou mesmo a totalidade do aforro.

Dende o despacho de avogados, sinalan que os intentos de phishing adoitan tomar forma de mail ou SMS que remite a un enlace ou que solicita chaves da banca electrónica por problemas

informáticos ou de seguridade. Entre os indicios que o delatan está a redacción pouco coidada, con frecuentes erros semánticos ou mala construción das frases, así como erros ortográficos. Unha entidade bancaria adoita coidar a redacción nas comunicacións públicas. Tamén chaman dende Xoán Antón Pérez Lema Avogados e Consultores a vixiar “a existencia de fórmulas xenéricas de tratamento do tipo: ‘Estimado amigo’, ‘Apreciado cliente’, ‘Ola’, xa que as verdadeiras entidades bancarias adoitan personalizar o saúdo cos apelidos do seu cliente”. 

Se a comunicación incita a facer algo de xeito urxente, do tipo “ten un prazo de 8h para levar a cabo á acción”, debemos desconfiar, ao igual que se non coñecemos o enderezo remitente. En todo caso, dende o despacho recomendan non facilitar datos persoais nin bancarios de ningún tipo nin acceder aos enlaces facilitados. No momento en que somos vítimas dun phishing, sinalan que debemos “modificar o contrasinal da banca electrónica” e proceder axiña a unha reclamación extraxudicial á entidade bancaria, imprimindo dúas copias, e quedando cunha selada na oficina. A entidade debe responder nun prazo máximo dun mes.