A pavimentación en Ventosa estará acabada en seis meses

90

A Xunta de Goberno local do xoves 16 de setembro adxudicou as obras de pavimentación de Ventosa, en Covas. Os traballos terán un valor total de arredor de 78.000 euros, sendo adxudicadas á empresa Construcciones Vale SL. A duración inicial do contrato é de 6 meses.

O proxecto das obras pavimentación de accesos ao lugar de Ventosa incluídas no POS+2019 tivo que ser modificado para enviarllo á Dirección Xeral de Patrimonio, xa que, parte desta actuación se realizará preto dun tramo do Camiño de Fisterra-Muxía ao seu paso por Ames. Deste xeito, con respecto ao proxecto inicial, restrínxese a pavimentación en formigón no treito de camiño que atravesa o núcleo de Ventosa.

O alcalde de Ames, Blas García, manifesta que “esta é unha obra necesaria para o núcleo de Ventosa, e que forma parte das actuacións que o Goberno municipal de Ames está a realizar dentro do programa de mellora do rural amesá”, e continúa dicindo que “seguimos a traballar para desenvolver os núcleos rurais e dotalos de servizos e boas comunicacións”.