‘A Proa’, o espazo de traballo colaborativo do Novo Milladoiro, inaugúrase mañá

191

O espazo de traballo colaborativo do parque empresarial Novo Milladoiro, “A Proa”, inaugúrase mañá nun acto que contará coa presenza do alcalde, Blas García, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González. “A Proa” é un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. Nesta instalación as persoas que a utilicen compartirán espazos, fomentando sinerxías e a economía social e colaborativa. O local, localizado na entrada do parque empresarial, conta con 36 postos de traballo, tres salas de xuntas, aulas de formación e área de escanso, así como reprografía, distribuídas ao longo de 400 metros cadrados.

Estas instalacións nacen pensadas para proxectos de emprendemento nos sectores do audiovisual e da tecnoloxía. Os postos resérvanse para proxectos de preincubación ( iniciativas empresariais previas á posta en funcionamento) e empresas en fase de incubación, con menos de dous anos de antigüidade. O prazo máximo de uso dos espazos para os proxectos en preincubación será de 12 meses, mentres que para os que estean en fase de incubación será de 18 meses, cun máximo de tres postos de traballo por proxecto. Poderá haber prórroga de seis meses xustificada. A zona de eventos e formación poderá ser solicitade de maneira puntual por todo tipo de usuarios para iniciativas empresariais e de emprendemento.

A compra do edificio supuxo un gasto de 475.000 eros para o Concello, cofinanciados -cunha achega de 200.000- pola Deputación a través dun convenio. O resto das actuacións foron financiadas con fondos propios e coa EDUSI Impulsa Ames, cofinanciada con fondos FEDER. O espazo contará cunha APP propia de xestión de espazo, mobiliario, pantalla interactiva e conexión WIFI.

Na inauguración do espazo estarán presentes tamén Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, e José Miñones, ex-alcalde de Ames e delegado do Goberno en Galicia.