A Rede Cultural da Deputación promove máis de 500 espectáculos durante o verán

143

A Rede Cultural da Deputación 2022 chega aos concellos nos meses de verán con 534 espectáculos e “co fin de promover que toda a cidadanía da provincia da Coruña teña acceso a unha programación cultural de calidade, independentemente da localidade na que resida”, en palabras do deputado Xurxo Couto. O departamento do que é responsable inviste este exercicio no seu circuíto artístico para os municipios un total de 1.509.836 €.

Propostas escénicas, audiovisuais, música, danza, ou maxia conforman a oferta, repartida nos catro programas do catálogo: ‘Escena ao vivo!’ (para espectáculos profesionais de teatro, música, monicreques, maxia, danza e circo), 324 actividades; ‘Visións’ (para cinema e contidos audiovisuais), 115 actividades; ‘Lingua a Escena!’ (para espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega), 67 actividades; e ‘Alicerce’ (para grupos de música, danza e teatro non profesionais), 27 actividades.


“Trátase”, afirmou Couto, “dunha programación que é o espello do noso panorama cultural actual, desde propostas tradicionais ás máis innovadoras”. 

No caso de Ames, a programación inclúe sete actividades durante os meses de verán. Serán as representacións de ‘Unha fogueira intacta’ de Urdime, e as actuacións o ‘Biribirlocke, Biribirlocke’ de Benjamin Seoane Bra e de ‘The Rapants’ (os tres o 5 de agosto no Milladoiro). O día 12 estará Sés en Bertamiráns co seu espectáculo ‘Liberar as arterias – Ozono’, e xa en setembro A Gramola Gominola con O Poder da Superlingua o 23. O 30 de setembro representarase na Casa de Cultura do Milladoiro ‘Fabaloba e Bolboreta: Un bico para Alí”.