A regata provincial de kaiak e canoa celébrase o 5 de agosto en Tapia

190

A praia fluvial de Tapia acollerá o sábado 5 de agosto a segunda edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”, organizada pola concellaría de Deportes, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e a Federación Galega de Piragüismo. Participarán as categorías base dos clubes de toda a provincia na modalidade de augas tranquilas. Os participantes terán idades entre 6 e 16 anos, repartidos en modalidades de kaiak, canoa e paracanoe, e categorías entre prebenxamín e cadete.

Esta proba deportiva enmárcase dentro do II Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, sendo a terceira cita do circuíto. Posteriormente, a competición chegará a Miño, Outes e as Pontes.

As probas comezarán ás 4 da tarde, saíndo ás 7 e media a última delas. O percorrido terá 1,5 km ao longo do Tambre. A partir das oito entregaranse os premios e desfrutarase de petiscos.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “Ames volve a formar parte por segundo ano consecutivo do circuíto de piragüismo Deputación da Coruña. Para nós sempre é un pracer acoller probas deportivas de calquera tipo no concello, e se son en Tapia aínda mellor porque é un lugar fantástico para o ocio e para facer deporte. Alí é onde o club Ribeiras do Tambre ten a súa sede e, ademais, un emprazamento único onde os rapaces e rapazas de Ames e da contorna empezan a practicar piragüismo. Agardo que os padexeiros e as padexeiras desfruten desta proba”.

O alcalde de Ames, Blas García, incide na aposta do Concello de Ames polo deporte formativo. “Unha das actividades deportivas de referencia en Ames sempre foi o piragüismo grazas ao traballo que realiza o persoal do club Ribeiras do Tambre. Dende este club faise un importante traballo formativo cos rapaces e rapazas de Ames e incluso da contorna. O deporte base é fundamental para que despois os nosos nenos e nenas poidan sentirse identificados cunha actividade sa e que crea equipo e compañeirismo como é o piragüismo”.