A rehabilitación da Ponte Cabirta, máis próxima

401

A rehabilitación da Ponte Cabirta está máis preto de ser unha realidade logo de que a semana pasada fose asinado o convenio para financiar a obra entre o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción do Patrimonio Histórico do Concello de Ames, David Santomil.

Esta semana, David Santomil, e o edil de de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e mailo deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Luis Penas, realizaron unha visita á Ponte Cabirta, para presentarlle o proxecto á Plataforma pola defensa do río Sar.

O Concello está a manter neste asunto unha liña de colaboración coa Plataforma, co obxectivo de levar a cabo un proxecto satisfactorio que poña en valor o patrimonio ambiental e histórico da contorna da ponte. 

Nas vindeiras semanas farase unha limpeza nesta zona do río Sar, na que se concentran diferentes restos de madeira e troncos acumulados preto da ponte. O expediente de licitación das obras será aprobado o antes posible. O proxecto permitirá protexer e consolidar a calzada e o arco desta ponte sobre o río Sar, na parroquia de Bugallido. Contémplase a rehabilitación do paso peonil, a consolidación da obra de fábrica sen alterar a xeometría actual e a reparación do lousado das ribeiras.

Características do proxecto
Nas zonas que conten con lousado danado recuperaranse as pedras para volvelas montar. Para dificultar o crecemento de plantas neste punto empregarase zahorra estabilizada con cal hidráulica.

A actuación contempla tamén rozar a vexetación en ambas as dúas marxes, nunha franxa de 6 metros a cada lado do camiño. Á súa vez, proxectarase a instalación de dous canos para facilitar a conservación do camiño, que agora formará parte dunha ruta de sendeirismo. Un contará con 30 centímetros de diámetro para a drenaxe transversal de augas de escorrentía, e outro con 60 centímetros para cruzar a canle existente. Tamén se construirán dous badéns de pedra coa mesma finalidade.

A obra contempla ademais a instalación de dous bolardos de sección cadrada para soportar os impactos das arbores que poida arrastrar o río nas crecidas e a colocación de sinalización que indique a necesidade de precaución no novo paso.