A senda peonil de Sisalde a Agro do Muíño contará con iluminación desde 2022

487

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, xunto co concelleiro do Rural, Santiago Márquez, achegouse onte á senda peonil que une Sisalde co Agro do Muíño para coñecer o resultado dos traballos realizados. Moitas persoas afeccionadas a camiñar ou a correr adoitan facelo por este tramo que une a aldea de Sisalde co CEIP de Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño. Esta nova senda facilita a mobilidade peonil e mellora a seguridade viaria.

Para o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, “esta obra é un paso moi importante para a seguridade viaria porque esta zona é moi transitada polos veciños e veciñas que van ao colexio e tamén porque forma parte da coñecida como ruta do colesterol que sae de Bertamiráns ata a depuradora; e que con esta nova senda pode ampliar o seu percorrido ata a aldea de Sisalde sen correr o risco de facelo por estrada” e engadiu “este tipo de sendas teñen, ademais, unha dobre función pois ao ser unha carreteira estreita cando se atopan dous vehículos pode ser empregada polos coches evitando así o risco de accidentes”.

Segundo ao alcalde de Ames este tipo de sendas peonís axuda, ademais, a manter as cunetas limpas e a canalizar as augas pluviais o que repercute nun mellor mantemento das estradas.

O alcalde de Ames, Blas García, aproveitou o acto de recepción da obra para anunciar que o vindeiro ano se procederá a iluminar esta senda peonil con cargo aos orzamentos do 2022, pois as obras xa deixaron canalizada a tubería necesaria para a súa posterior realización. Engadiu, ademais, que nunha seguinte fase procedería continuar a senda peonil polo interior da aldea de Sisalde ata o límite do Concello de Brión.

A obra, que amosa a preocupación do Goberno municipal pola seguridade viaria e peonil, únese a outros dous proxectos para a creación de sendas peonís: o de Coira a Ventín, na parroquia de Biduído e o do Outeiro a Costoia, na parroquia de Bugallido.

A obra, adxudicada por 99.601,74 euros, xa está rematada.