“A señora de Forcadela” represéntase este venres no Milladoiro

206

O venres 17 a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación da obra “A señora de Forcadela” da compañía Os Quinquilláns, dentro da programación municipal do 8 de marzo.  A obra relata a historia de diversas mulleres represaliadas durante a Guerra Civil a partir da vida da mestra Josefa García Segret.

García Segret foi detida no ano 1936 e encerrada en Tui. Posteriormente, foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada á pena de morte. Grazas á axuda de dous doutores, que se aseguraron que estaba embarazada, conmutóuselle a pena de morte por cadea perpetua, e, máis tarde, por unha condena de 6 anos e un día.

En 1982, García Segret publicou un libro autobiográfico baixo o título “Abaixo as ditaduras”, que editou ela mesma, e no que relata as súas vivencias e a súa experiencia como reclusa. Na obra, que conta coa actuación de Tero Rodríguez e Lucho Penabade, retrátase a historia de diversas mulleres tamén represaliadas na mesma época.

A representación será ás 20:30 horas, e as entradas xa se poden reservar, de balde, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.