A tenda ‘Máis que louza’ de Bertamiráns recolle 320 quilos de doazóns na campaña “Doando sempre gañas”

249

A segunda campaña de recollida “Doando sempre gañas”, centrada en louza e aveños, conseguiu un grande volume de participación. Así o afirmou hoxe o Concello de Ames, que salientou que se recolleron 320 quilos de louza que serán entregados á Oficina do Voluntariado de Ames. As doazóns están constituídas na maior parte por pratos, vasos, cuncas, canecas, cubertos, potas, tixolas ou outros aveños básicos.

A campaña desenvolveuse entre os días 1 de xullo e setembro, en colaboración coa Oficina municipal, que xestiona outras campañas solidarias durante o resto do ano. Pola súa banda, na anterior campaña entre marzo e abril xa se recolleran 300 quilogramos.

As persoas que realizaron doazóns conseguiron un desconto do 5% en compras na tenda durante o mesmo día. O servizo comezou xa a repartir e distribuír as doazóns entre a poboación amesá que os necesite.